Voltar atrás

Escrito o:

A CEL presenta un estudo sobre a actividade exportadora na provincia

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) presentou hoxe "Lugo e os mercados exteriores. Estudo sobre a actividade exportadora das empresas da provincia de Lugo", confeccionado grazas ao apoio da Deputación Provincial de Lugo e que estará dispoñible de forma gratuíta para descarga na web da CEL e impreso na súa sede central.

O acto de presentación tivo lugar na sede do organismo provincial, coa presenza do presidente do ente, Jose Tomei Roca; o deputado provincial de Promoción Económica, Pablo Rivera; e o secretario xeral da CEL, Jaime López. Tomei e López asinaron así mesmo o convenio entre ambas as entidades que facilitou a realización deste estudo, así como a realización doutras actividades e prestación doutros servizos por parte da organización empresarial lucense.

Lugo e o exterior

O estudo da CEL (que recorreu a bases de datos como Datacomex, Ardan, Exportación Galega, entre outras) arroxa un retrato da capacidade exportadora da provincia como limitada. Concretamente, segundo o mesmo na actualidade Lugo é a cuarta provincia exportadora en Galicia, por detrás mesmo de Ourense, provincia á que con todo en anos anteriores, entre 2011 e 2015, superou amplamente.

No entanto, Lugo mellora a súa posición nos mercados internacionais na última década, na que viu incrementar as súas exportacións nun 30,55%. Máis en concreto, o ano no que Lugo acadou os seus mellores resultados de exportacións foi 2015, no que chegamos a exportar mercadorías por valor de 1.174,41 millóns de euros.

Segundo o estudo e en xeral, pódese falar dun volume de exportacións estable ao redor de 670 millóns de euros, cifra que se repite durante o tres últimos exercicios con datos finais (2016, 2017 e 2018).

Ao mesmo tempo, é estudo reflicte que as importacións se reduciron considerablemente, sendo 2016 o exercicio con menor cantidade de importacións totais. Iso implica unha mellora do saldo comercial da provincia co exterior, pasando dun déficit de 507,3 millóns en 2009 a -70,70 millóns en 2018, sendo 2015 o exercicio no que se rexistrou o mellor resultado no saldo comercial, cun saldo positivo de 318 millóns.

O estudo tamén reflicte que as exportacións e importacións de Lugo concéntranse basicamente en países da contorna da Unión Europea, sendo Francia, Portugal, Italia, Reino Unido e Alemaña os principais mercados destino da provincia.

Perfil de empresa

O estudo da CEL tamén ofrece un perfil da empresa exportadora de Lugo, segundo o cal se conclúe que se trata de empresas localizadas fundamentalmente en Lugo cidade e, as que non se atopan na capital, concéntranse noutro tres poboacións máis: Vilalba, Viveiro e Monforte. 

Igualmente, e respecto da antigüidade, trátase de empresas en xeral con máis de 10 anos de existencia, de tamaño medio co seu negocio xa asentado, cunha facturación suficiente para facer fronte á internacionalización, que acoden aos mercados polos seus propios medios, con presenza en varios países (aínda que esta presenza supón un volume reducido e pouco peso na súa facturación total), con entre 10 e 50 clientes no estranxeiro, con dificultades para competir nos mercados internacionais e falta de apoio financeiro para a internacionalización.

Conclusións

O estudo, que tamén inclúe un compendio de axudas dispoñibles para as empresas con interese en exportar ou fontes de consulta de interese para as empresas, conclúe que para seguir mellorando a situación do seu sector exterior e recuperar o ritmo de crecemento de anos anteriores e os saldos positivos no seu comercio cos países do mundo, na provincia de Lugo débese diversificar mercados e produtos, incentivar ás empresas novas ou de nova creación a acceder aos mercados internacionais ou dotar de músculo financeiro ás empresas con vocación exportadora.

Igualmente, recomenda fomentar a entrada en mercados con potencial aínda que menos accesibles que a Unión Europea; aproveitar, por parte das emprsas, as vantaxes que supón atopar un bo socio local nos mercados de destino das exportacións así como participar dos múltiples plans, axudas e subvencións para a internacionalización empresarial dispoñibles na Comunidade. Incentivar a asistencia a feiras e misións comerciais co apoio das institucións públicas ou xerar networking e fomentar as sinerxías entre empresas en encontros e xornadas informativas sobre mercados e internacionalización tamén se considera importante para fortalecer a presenza de Lugo no exterior.

Workshops

Por outra banda, en virtude deste acordo entre CEL e Deputación, esta semana celebraranse dúas workshops ou talleres de traballo que, baixo o título "Exportar: como empezar e ferramentas para crecer", buscan proporcionar ferramentas de mellora da súa posición en mercados exteriores para as pemes lucenses.

En concreto, estes talleres celebraranse en Lugo (o xoves 19 de decembro) e Monforte (o venres 30) en horario de 9:30 a 14:00 horas. Contarán para a súa impartición con relatoras dunha consultora especializada en internacionalización, así como con representantes de empresas da provincia con experiencia en exportación como Grupo Leite Río, Torre de Núñez, Vinigalicia ou Abanca. Falarase de axudas ou Incoterms 2020, entre outras cuestións. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.

Máis fotos

Descargar estudo