Escrito o:
Lugo e os mercados exteriores
Ao final desta entrada pode descargarse completo en pdf "LUGO E OS MERCADOS EXTERIORES. Estudo da actividade exportadora das empresas da provincia de Lugo", elaborado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) co apoio da Deputacion Provincial de Lugo. A CEL, na súa sede central, dispón asemade de exemplares impresos gratuitos para quen o solicite.
Este estudo nace cun dobre obxectivo: o de converterse unha ferramenta de observación e análise para a Confederación no ámbito do comercio exterior, e o de resultar unha ferramenta de utilidade para as empresas. Por iso, estrutúrase en dúas partes, unha de informe estatístico e de situación da actividade exportadora da provincia, e outra de compilación de axudas á internacionalización e fontes de consulta para as empresas con interese en mercados exteriores.
Non existía até a data un estudo que recollese de forma agrupada datos da actividade exportadora da provincia, un estudo que permitise observar as nosas fortalezas e debilidades e tomar decisións en consecuencia. De aí o interese da CEL en materializar unha ferramenta como esta, que permita de forma sinxela e rápida observar a realidade de Lugo no ámbito exterior.
Así, a primeira parte do estudo recompila datos estatísticos relativos á actividade exportadora da provincia de Lugo, sempre en relación ao marco máis amplo da Comunidade Autónoma de Galicia, o que permite determinar e avaliar a nosa situación actual e evolución ao longo da última década. Esta parte complétase cun perfil exportador das empresas da provincia. A segunda parte contempla un compendio de axudas disponbiles. Inclúense ademais conclusións e fontes de consulta para empresas con interese en exportar.