Voltar atrás

Escrito o:

A igualdade, un motor de cambio para as empresas segundo a CEL

A sede central Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe a primeira das xornadas divulgativas que a entidade está a organizar no marco das accións do seu Gabinete Técnico de Igualdade, financiado pola Xunta de Galicia e o SEPE, e que nesta ocasión tiña por obxectivo achegarse á materia cun enfoque especialmente deseñado para a realidade do día a día das pemes. 

A xornada foi inaugurada por Guadalupe Hervera, técnica da área xurídica, laboral e de igualdade da CEL, e Eva Amores, coordinadora do Gabinete de Igualdade da CEG. Guadalupe Hervera destacou na súa intervención que a igualdade non é soamente “unha reivindicación histórica senón tamén un motor de cambio para as organizacións” e que, tras o “gran desenvolvemento normativo en relación a esta materia no noso país durante os últimos anos”, hoxe debemos atender á necesidade de “situar a igualdade na axenda empresarial das pemes e microempresas pero con solucións adaptadas á súa realidade”. 

Nesta liña desenvolvéronse as intervencións dos diferentes relatores, nunha xornada moi participativa e transversal, que abordou non soamente a igualdade, senón tamén outra políticas da área laboral que é necesario integrar e ter presentes de forma coordinada como, por exemplo, as medidas de seguridade e saúde laboral. 

Especial interese suscitaron as experiencias prácticas de Ángel Álgora, director de Persoas e Acción Social de Cooperativa Aira alén de consultor en Desenvolvemento Organizacional, Transformación Cultural e Habilidades brandas & Estratexias e David Siejas, director de Recursos Humanos, Saúde e Seguridade de AMSlab e presidente da Asociación de Capital Humano. Ambos desenvolveron diferentes exemplos de situacións absolutamente reais da utilidade da implantación de medidas de igualdade e coincidiron en resaltar a necesidade de ir máis aló da simple implantación dun protocolo de acoso ou un plan de igualdade obrigatorio; subliñaron que se as medidas de igualdade intégranse coas políticas da empresa e se adaptadas á propia organización e sector de actividade, transfórmanse en ferramentas de gran utilidade para a mellora da xestión empresarial e a competitividade.


A xornada tamén contou coas achegas técnicas de Cristina Pérez, consultora de recursos humanos e igualdade en Grupo Isonor.  

Garantir a igualdade

O próximo mes, o día 18 de xuño, a CEL tamén ten prevista unha nova xornada informativa do Gabinete de Igualdade. Baixo o título, "Igualdade: todo o que as persoas traballadoras e as empresas necesitan saber para garantila", celebrarase tamén en horario de de 10.00 a 13.00 horas na sede central da CEL e abordará desde cuestións xerais básicas en materia de igualdade ata medidas para previr a discriminación e o acoso ou boas prácticas. Nesta ocasión, contarase coas achegas de Mª Eugenia Fernández Fortes, consultora en Igualdade, Prevención de Riscos Laborais e Protección de Datos do Grupo Isonor e Rocío Guitián, responsable de Recursos Humanos de Torre de Núñez. Máis información e inscricións nesta ligazón