Voltar atrás

Escrito o:

As empresas de Lugo, interesadas no mercado cubano

Un grupo de empresas da provincia participaron recentemente nunha misión empresarial organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) á República de Cuba. O obxectivo principal era o de analizar in situ as posibilidades do país caribeño e afianzar relacións con el de face a implantar e reforzar a presenza das empresas da provincia de Lugo.

A misión, na que participaron compañías dos sectores agroalimentario, loxísitico, de frío industrial e de servizos, contou co acompañamento institucional do presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, e o apoio do Concello de Láncara, o que facilitou a boa acollida dos empresarios lucenses por parte das autoridades cubanas e de representantes da Embaixada de España en Cuba.

Noutros, foron recibidos por Eusebio Leal, historiador da Habana; Rubén Ramos, vicepresidente da Cámara de Comercio de Cuba; Inalvis Bonachea, directora de política comercial do Ministerio de Comercio Exterior e Investimento Estranxeiro en Cuba; María Yolanda Ferrer, presidenta da Comisión de Relacións Internacionais da Asemblea Nacional do Poder Popular ou a deputada Mariela Castro, filla de Raúl Castro. Reuníronse tamén co embaixador de España en Cuba, Juan Fernández, e a ministra conselleira da Embaixada, Nuria Reigosa.

O balance final da misión resulta moi satisfactorio, por canto percíbese unha cada vez maior estabilidade política e económica no país caribeño, "que está a crecer e ten necesidades en materia de produtos e servizos que poden ser cubertas polas nosas empresas", en palabras do secretario xeral, Jaime López. Por outra banda, a "localización estratéxica de Cuba no corazón do Caribe" pode converter a este país na "idónea porta de entrada cara a outros países americanos".