Escrito o:
A obriga de control de horarios das empresas, a análise nunha xornada da CEL
A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo acolleu hoxe unha xornada informativa sobre a obrigación legal das empresas de control de horarios, e como convertela nunha oportunidade para a mellora da produtividade e a calidade dos servizos ofertados.
No marco desta xornada a CEL contou coas achegas de Jorge Cebreiros Arce, Licenciado en Química e Socio - Director de InfoJC, empresa especializada en xestión de control de horarios coa que a Confederación lucense tamén subscribiu hoxe un acordo de colaboración para facilitar ás súas empresas integradas acceso aos servizos de InfoJC nesta materia, e en especial ao seu sistema CheckJC de control e xestión de horarios a través dunha plataforma Cloud e por medio de diversas tecnoloxías.
Obriga legal
A obriga legal de rexistrar a xornada dos traballadores, afecta a todas as empresas independentemente do seu tamaño, tipo de xornada, sexa no centro de traballo ou en mobilidade, e fagan ou non horas extras. As empresas poden converter esta obriga "nunha oportunidade para aumentar a súa produtividade e mellorar a calidade do servizo, tanto pola análise dos datos recolleitos, como pola información que permita tomar decisións en tempo real sobre os servizos prestados aos seus clientes", segundo expuxo Jorge Cebreiros na súa intervención.
A Audiencia Nacional na súa resolución 207/2015 indica que toda empresa ten a obrigación de rexistrar dun modo fehaciente e diariamente as horas ordinarias e extraordinarias realizadas polos seus traballadores, mesmo e aínda que nas mesmas non se realicen horas extras. O seu incumprimento, ante unha inspección de traballo, leva sancións que poden alcanzar os 6.250 euros.
Pola súa banda, a Inspección de Traballo e Seguridade Social endureceu os controis e está a incrementar a revisión daqueles aspectos que teñan que ver coa actividade da empresa, os seus empregados e o horario de funcionamento con especial atención aos rexistros de xornada e cuadrantes de traballadores a tempo parcial.