Escrito o:
Día Mundial da Seguridade e a Saúde 2016
O vindeiro xoves día 28 de abril conmemórase, un ano máis, o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, unha data que busca promover a prevención dos accidentes do traballo e as enfermidades profesionais en todo o mundo. Trátase dunha campaña de sensibilización que desenvolve anualmente a OIT con ánimo de centrar a atención internacional sobre a magnitude do problema dos riscos laborais e sobre como a creación e a promoción dunha cultura da seguridade e a saúde pode axudar a reducir o número de mortes e lesións relacionadas co traballo.
Neste 2016, a campaña do Día Mundial da Seguridade e a Saúde e o Traballo, que leva por título "Tensión no traballo. Un reto colectivo", busca concienciar sobre riscos psicosociais e tensión relacionada co traballo, a súa influencia na saúde mental e o benestar dos traballadores. Neste marco, a OIT presentou para España un informe que inclúe datos estatísticos sobre tensión laboral, factores desencadenamentos e medidas colectivas de prevención, pero tamén normas legais aplicables a nivel rexional, nacional e internacional ou estratexias para a prevención e xestión dos factores de risco.
O informe lembra, por exemplo, a que segundo un informe de 2007 "preto de corenta millóns de persoas na UE sufrían tensión relacionada co traballo", ou que, neste caso segundo un estudo de 2009, "a tensión relacionada co traballo representou en Europa entre o 50% e o 60% por cento do total de días de traballo perdidos" e que "unha media do vinte e dous por cento da man de obra europea sufría tensión, con niveis marcadamente superiores nos Estados Membros de recente incorporación (30%) respecto dos máis antigos (20%).
Sinala tamén que "a tensión relacionada co traballo pode afectar gravemente o rendemento xeral dos traballadores de forma negativa no relativo á eficiencia e a precisión" e destaca que "os estudos de investigación do impacto da tensión relacionada co traballo nos resultados da organización atoparon unha serie de comportamentos asociados que afectan á produtividade, a competitividade e a imaxe pública da empresa", polo que incidir na prevención da tensión ademais de incidir positivamente na saúde dos traballadores tamén o fará na da empresa.
Un ano máis, a CEL súmase á campaña da OIT desde a súa Oficina Técnica de Prevención de Riscos Laborais para Pemes, financiada pola Fundación para a Prevención de Riscos Laborais e desde a que se ofrece información e asesoramento ás empresas en materia de seguridade e saúde laboral.
MÁIS INFO sobre a campaña 2016 do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo