Escrito o:
A CEL recibiu á delegación china que se atopa de visita en Lugo
A sede central da CEL recibiu hoxe á delegación chinesa da cidade de Quinhuangdao que se atopa en Lugo convidados polo Concello. A organización empresarial acolleu un encontro no que participaron a secretaria adxunta da CEL, Lourdes Pardo; o presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Xabier Díaz, así como técnicos das áreas de comercio exterior e creación de empresas da entidade e empresarios e emprendedores de Lugo.
Desde a delegación chinesa explicaron as oportunidades que ofrece a súa rexión para o investimento, así como as facilidades que se ofrecen ás empresas que desexen establecerse alí. Por parte dos asistentes trasladáronse algunhas das dificultades coas que se atopan á hora de establecer contactos comerciais con este país, entre elas as especiais barreiras que existen para os produtos alimentarios, que practicamente imposibilitan a súa entrada a este país a pesar da súa alta calidade.
Por parte da delegacion chinesa destacouse a necesidade de contar con marcas fortes que poidan darse a coñecer no país, o que facilita a entrada posterior dos produtos de procedencia española, así como as grandes posiblidades de emprego e negocio para persoal altamente cualificado.
A reunión serviu para unha primeira toma de contacto que facilitará un posterior intercambio de información que poida servir de base para a mellora das relacións comerciais entre ambos os territorios.