Escrito o:
Axudas para internacionalización 2015
O Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX) vén de publicar a convocatoria de axudas do Programa Consolida2, a través do que busca "apoiar ás pequenas e medianas empresas españolas nos seus procesos de internacionalización, diversificando mercados e aumentando o compoñente tecnolóxico das nosas exportacións". A través deste programa, o ICEX apoia a creación de filiais fóra da Unión Europea, gastos de promoción (investigación de mercados, material de difusión e promoción, misións comerciais inversas, posicionamento en redes, publicidade, participación en feiras, etc.), gastos de defensa xurídica da marca e homologación.
O prazo de solicitude destas axudas prolongarase até o próximo 30 de setembro de 2015. Con carácter xeral, os gastos subvencionables serán os relativos a actividades comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015.
Por outra banda, nestes momentos, o ICEX mantén tamén aberto o prazo de inscrición, até o 30 de setembro, para as empresas que desexen contar cun bolseiro do seu Programa de Prácticas en 2016. O ICEX pon a disposición das empresas novas formadas na Rede Exterior da Secretaría de Estado de Comercio para que completen a súa formación práctica, e financia até o 50% da dotación bruta anual.
Primex 2015
Por outra banda, e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, até o vindeiro martes 11 de setembro tamén poden solicitarse as axudas do Plan Primex 2015, programa de "Promoción Conxunta en Mercados Exteriores" pilotado polo Igape a través do que se subvencionan proxectos de internacionalización promovidos de forma conxunta por empresas galegas que teñan por obxecto a prospección de mercados do estranxeiro "xuntando esforzos, compartindo custos e, se é o caso, estratexia e marca coa finalidade de iniciar, fortelecer ou consolidar a súa presenza nun ou varios mercados".
En virtude o Plan Primex subvencionaranse proxectos cooperativas en destino para implantación promocional e prospección de mercados, establecemento de filiais ou oficinas de promoción en destino; actuacións de promoción agrupada como feiras, desfiles, showrooms, catas e degustacións...; plataformas de internacionalización en orixe (accións conxuntas para estudos de mercado, procura de clientes, publicidade... en mercados exteriores); licitacións en destino; tramitación conxunta de certificacións, rexistros, etc.; plataformas de promoción en liña para mercados exteriores, entre outros poryectos cooperativos de promoción internacional.
Para máis información e asesoramento sobre axudas, contactar cos Departamentos Económico - Fiscal e de Comercio Exterior da CEL (Tel. 982 23 11 50)