Voltar atrás

Escrito o:

Novas axudas europeas a innovación: de interese para as empresas de Lugo

Onte recibimos en Lugo a técnicos da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e dunha consultora especializada en proxectos europeos para falarnos de axudas á innovación en pemes, as habilitadas a través de Instrumento Peme do Programa Horizon 2020. Explicáronnos este programa e os apoios dos que dispoñen as pequenas e medianas empresas a través de GAIN para optar a estes novos incentivos.

Rodolfo Ojea, coordinador da Fundación CEL, foi o encargado de presentar a xornada en representación desta entidade e da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). Durante a súa intervención sinalou que “Instrumento Peme é sen dúbida dunha ferramenta moi atractiva para as pemes, de especial interese en provincias como Lugo, necesitadas de que nosas (poquitas pero potentes) pequenas e medianas empresas medren e aposten polas accións de innovación”.

O coordinador da Fundación recalcou tamén que “a maioría das pemes nin se expoñen a posibilidade de investir en I+D+i”, por ver esta opción como “propia de grandes empresas e allea á súa día a día”. Subliñou quem con todo, “aquelas que o teñen en conta melloran en competitividade, crecen máis, se internacionalizan” e puxo como exemplo a empresas lucenses moi potentes e recoñecidas como Torre de Núñez, as queserías San Simón ou Innolact (Quescrem), nacida esta última nos viveiros da Fundación.

Subliñou tamén que “o Programa Horizon 2020 é unha oportunidade única para a nosa provincia e as súas empresas, que non debe ser desaproveitada pois os proxectos relacionados con innovación que se presentan polo momento desde Lugo representan unha porcentaxe baixa en relación co resto do territorio, desaproveitándose uns fondos sen dúbida moi necesarios”.

Servizos GAIN

Na xornada participaron como relatores D. José Luís Naya e D. Luís Botifoll, Director Xeral e Delegado en Bruxelas, respectivamente, de ASTRON Consultores, consultora especializada en xestión internacional de proxectos, así como con Dª Elena Polo, técnico da área de servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), entidade que xestiona en Galicia todo o relacionado co Programa Horizon 2020 (ao final desta noticia pode descargarse dossier con información para pemes que desexen coñecer o funcionamento desta axencia e as axudas e apoios que proporciona en relación ás novas axudas europeas).