Escrito o:
Factura electrónica: obrigatoria en 2015 nas relacións coas AAPP
A Lei 25/2013, de 27 de decembro, de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas no sector público, establece a obrigatoriedade de presentación de facturas electrónicas a partir do 15 de xaneiro de 2015 no marco das relacións xurídicas entre provedores de bens e servizos e as Administracións Públicas (AAPP), aínda que se prevén algunhas excepcións. A inminente entrada en vigor desta norma obríganos a unha revisión sobre as características da facturación electrónica, e á inmediata adecuación dos sistemas de xestión da facturación nas empresas provedoras das AAPP.
En primeiro lugar habemos de definir que é unha factura electrónica: en realidade, é o mesmo que unha factura tradicional en papel, pois haberá de cumprir os mesmos requisitos esixidos para esta e ten, ademais, os mesmos efectos legais; a diferenza estriba en que se expide e recibe en formato electrónico.
Ademais, a factura electrónica presenta unha serie de beneficios con respecto á factura en papel: elimina custos de impresión e envío postal (cos consecuentes efectos positivos sobre o medio ambiente); reduce os erros humanos; acurta os ciclos de tramitación e con iso os de cobro; facilita un máis rápido acceso ás facturas almacenadas, reducindo o espazo de arquivo e mellorando o servizo ao cliente. Espérase ademais que a factura electrónica contribúa á loita contra a fraude, á redución da morosidade das AAPP (axilizando os procedementos de pago a provedores), á mellora dos sistemas de xestión empresariais (ao incluír o proceso de facturación nos sistemas informáticos) e, en xeral, que facilite a modernización da economía e o desenvolvemento da sociedade da información.
Principais normas
Entre as principais cuestións a ter en conta ante a inminente entrada en vigor de determinadas medidas contidas na Lei 25/2013 atópanse:
- O provedor que haxa expedido unha factura polos servizos prestados ou bens entregados a calquera Administración Pública ten a obrigación de presentala ante un rexistro administrativo, no prazo de trinta días desde a data de entrega efectiva das mercadorías ou a prestación do servizo.
- A partir de 15 de xaneiro de 2015, determinados provedores que entreguen bens ou presten servizos á Administración Pública, estarán obrigados ao uso da factura electrónica e á súa presentación a través do punto xeral de entrada que corresponda, en concreto: Sociedades Anónimas, Sociedades de Responsabilidade Limitada; persoas xurídicas e entidades sen personalidade xurídica que carezan de nacionalidade española; establecementos permanentes e sucursais de entidades non residentes en territorio español; unións temporais de empresas; agrupacións de interese económico; agrupación de interese económico europea; fondos de pensións, fondos de capital risco; fondos de investimentos; fondos de utilización de activos, fondos de regularización do mercado hipotecario; fondos de titulización hipotecaria ou fondos de garantía de investimentos.
Con todo, as Administracións Públicas, poderán excluír reglamentariamente desta obrigación de facturación electrónica a aquelas facturas cuxo importe sexa de até 5.000 euros, e as emitidas polos provedores aos servizos no exterior das Administracións Públicas, ata que ditas facturas cumpran uns requirimentos para a súa presentación no Punto Xeral de entrada das facturas electrónicas.
Tipos de facturas electrónicas
É necesario aclarar que existen dous tipos de facturas electrónicas: a factura electrónica con formato estruturado e a factura electrónica con formato non estruturado. Diferéncianse en que o formato estruturado contén datos e facilita o seu tratamento automatizado, mentres que a de formato non estruturado consisten basicamente nunha imaxe, o que impide o seu procesamiento.
Pois ben, as facturas electrónicas que se remitan ás Administracións Públicas deberán ter un formato estruturado e estar asinadas con firma electrónica avanzada baseada nun certificado recoñecido, aínda que tamén se admitirá o selo electrónico avanzado (conxunto de datos en forma electrónica, asociados con facturas electrónicas, que poden ser utilizados por persoas xurídicas e entidades sen personalidade xurídica para garantir a orixe e a integridade do seu contido) baseado nun certificado recoñecido que reúna unha serie de requisitos.
A plataforma FACe
Existe un punto xeral de entrada de facturas da Administración Xeral de Estado (FACe), www.face.gob.es, que permitirá a remisión das facturas en formato electrónico a aqueles organismos das Administracións (Estado, Comunidades Autónomas e Local) que estean dados de alta no sistema. Pódense consultar os Organismos que están dados de alta no "Directorio de Unidades"; recoméndase, non obstante, ás empresas proveedoras de bens e/ou servizos ás AAPP que comproben coa propia Administración coa que traballan cal será o seu punto de entrada de facturas.
Todas as facturas presentadas neste punto de entrada producirán unha entrada automática nun rexistro electrónico da Administración Pública, proporcionando un acuse de recibo electrónico con acreditación da data e hora de presentación. Ademais, o provedor que presentase a factura neste punto de entrada poderá consultar o estado de tramitación da factura.
Programas
Aínda que existen diferentes sistemas de xestión económica e programas informáticos que permiten a xeración de facturas electrónicas, o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo dispón dun programa gratuíto, FACTURAE, que pode descargarse na web www.facturae.es, na que tamén se facilita acceso a toda a normativa vixente sobre facturación electrónica, dúbidas frecuentes, e todo tipo de material divulgativo.
Para máis información e resolución de dúbidas sobre factura electrónica, os asociados á CEL poden contactar co noso Departamento Económico - Fiscal.
Ao final desta entrada pode descargarse este artigo en formato pdf.