Voltar atrás

Escrito o:

Habilitadas bolsas do Igape para prácticas en empresas

Até o día 4 de novembro (ata as 14:00 horas a través da aplicación informática) poderán solicitarse as bolsas que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) vén de habilitar para o desenvolvemento de proxectos de mellora nas pemes galegas.

Estas bolsas están dirixidas a titulados universitarios para a realización de prácticas a través das que se formarán en áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico da empresa, por exemplo: optimización financeira/mellora do circulante, profesionalización da produción, relanzamento comercial, xestión de procesos, imaxe e comunicación empresarial, construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial, desenvolvemento de plans de acción, identificación e desenvolvemento de redes de cooperación e socios, innovación na empresa, desenvolvemento do capital humano, execución de vixilancia tecnolóxica/intelixencia competitiva.

Os titulados incorporaranse, en primeiro lugar, a un itinerario formativo especificamente deseñado para a participación no programa e, a continuación, realizarán as prácticas formativas baixo a tutela de axentes colaboradores do Igape, dos que recibirán formación e tutorización directamente por parte dos axentes colaboradores.

Requisitos

Entroutros requisitos, os solicitantes destas bolsas haberán de naturais de Galicia ou residentes cunha antigüidade superior aos 24 meses, ou ben fillos ou descendentes en liña directa até o terceiro grao de galegos no exterior, así como estar en posesión, na data de finalización do prazo de solicitude, dalgunha das seguintes titulacións universitarias: física, enxeñaría, matemáticas, química, ciencias económicas e empresariais, economía e dereito (a titulación deberá de obterse con posterioridade ao 31 de decembro de 2007).

Contía

A duración do período de prácticas será de 12 meses, prorrogables a catro máis. A contía das bolsas será de 9.960 euros anuais (830 mensuais). En caso de prórroga dá bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga.

Considéranse incluídos dentro da dotación da bolsa a seguridade social, impostos de carácter persoal así como todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o desenvolvemento das fases teóricas ou prácticas da bolsa.

VER DOG