Voltar atrás

Escrito o:

FAGA Agrobootcamp Lugo 2026

A Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA), entidade impulsada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), organiza para o próximo mes de decembro FAGA Agrobootcamp Lugo 2026, un programa de aceleración intensiva para impulsar proxectos innovadores do sector agroalimentario da provincia de Lugo.

Este programa de aceleración, que conta co apoio de la Deputación de Lugo, materialízase en dous días de traballo intensivo presencial, o 15 e 16 de decembro próximo, nos que se reunirá a persoas emprendedoras, empresas, produtores e gandeiros, técnicos/as, investigadores/as e estudantes da provincia para traballar en conxunto, con método e co apoio de mentores. 

O obxectivo final é que as propostas ou iniciativas participantes poidan avanzar de nivel a través da validación da súa idea, afinar o modelo proposto e deseñar un plan claro de actuación para seguir avanzando. É por iso que os participantes dispoñerán neste Agrobootcamp de servizos de aceleración práctica e áxil, aplicada desde o primeiro minuto ao proxecto; acceso a experiencias reais e exitosas de empresas e emprendedores do sector agroalimentario; mentorías personalizadas con profesionais con experiencia; traballo en equipo con perfís complementarios que suman ao proxecto; así como unha guía de seguintes pasos a seguir e acompañamento para avanzar despois das xornada de traballo previstas para decembro.

En definitiva, a través de Agrobootcamp Lugo 2026 búscase cubrir a necesidade de apoio de empresas, persoas emprendedoras e profesionais do sector agroalimentario da provincia de Lugo na adaptación aos novos retos produtivos, tecnolóxicos e comerciais, favorecendo a creación de emprego estable e cualificado, a consolidación dos postos de traballo existentes e a incorporación de novas persoas ao mercado laboral agroalimentario.

Como participar

En FAGA Agrobootcamp Lugo 2026 pódese participar tanto como PROXECTO (para persoas e equipos cunha idea ou iniciativa de negocio agroalimentario innovador vencellado a Lugo que desexen validalo, consolidalo ou facelo medrar) ou como PARTICIPANTE (para estudantes, investigadores/as, técnicos/as, empresarios/as e profesionais que queiran sumarse aos equipos dos proxectos e axudar a impulsalos co seu talento e experiencia).

PRAZAS LIMITADAS. Máis información e inscricións NESTA LIGAZÓN.