Escrito o:
As empresas agroalimentarias de Lugo ábrense camiño en Paraguai
Un grupo de empresarios da provincia de Lugo atópase estos días na República de Paraguai no marco da iniciativa “Lugo, valor agroalimentario”, posta en marcha co apoio da Deputación de Lugo pola Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA), entidade impulsada por esta confederación empresarial co obxectivo de contribuír á mellora do emprego e o emprendemento, a sustentabilidade, a innovación ou o crecemento xeral dun dos sectores de maior relevancia para o tecido socioeconómico da provincia de Lugo, o agroalimentario.
Concretamente, o grupo de empresarios lucense está a participar nunha acción de prospección comercial que iniciou a súa axenda de traballo no día de onte recén aterrados na capital do país, Asunción, coa visita á Cámara de Alimentos e Bebidas de Paraguai (CABE), unha organización que representa a multinacionais do sector de alimentación e na que foron recibidos pola súa directora executiva, Bernardita Gómez.
A esta primeira reunión no país considerado o “corazón de Sudamérica” asistiron o presidente de FAGA e representante de empresas como Suministros Megaro Foods S.L., Carlos Cebrián Escobar, así como o presidente da Cámara de Comercio de Lugo e secretario xeral da CEL, Jaime López, e representantes de empresas como o Grupo Xabi Paz (que agrupa explotación gandeira e establecementos de restauración) así como empresas de servizos auxiliares ao sector agroalimentario como Innogando (tecnoloxía) e Medrar Innovation Office (consultoría).
Pola súa banda, entre as entidades ás que representa CABE atópase Nestlé ou Tetrapack, con presenza tamén en España, o que permite xerar sinerxías de xeito doado. Igualmente, CABE mantén unha rede de contactos naturais con grupos de empresas familiares de gran implantación no país, o que facilita o establecemento rápido de contactos e o intercambio de coñecementos e experiencias. Nesta liña, o grupo lucense visitou tamén neste primeiro día de aproximación á República de Paraguai a dúas familias gandeiras e as súas facendas.
Deste primeiro día de traballo destacou tamén o interese xerado nos encontros mantidos polas iniciativas lucenses que diversifican actividade, combinando iniciativas en sectores complementarios (cárnico con hostalería e restauración; gandería con establecementos de comidas), así como polas propostas máis innovadoras como as aplicacións tecnolóxicas que ofrece Innogando para control de gando. Igualmente, subliñan o interese no país por cuestións que tamén preocupan na Unión Europea como sustentabilidade ou optimización de envases, pero cunha maior atención á necesidade de evitar o exceso de burocracia á actividade empresarial.
Novas reunións
A axenda de traballo en Paraguai continuará durante os próximos días con reunións institucionais xa programdas en entidades como a Cámara Oficial Española de Comercio e Servizos en Paraguai, a Cámara Paraguaia de Industrias Lácteas (CAPAINLAC), a Unión de Gremios da Produción (UGP), a Cámara de Empresas Paraguaias de Alimentación (CEPALI), a Unión Industrial Paraguaia (UIP), ou a Cámara Nacional de Comercio e Servizos en Paraguai (CNCSP), así como con outros encontros de carácter bilateral con empresas do país.
Prospección comercial
As accións de prospección comercial son iniciativas de entrada a países nos que as empresas da provincia de Lugo teñen nula ou escasa presenza, como é o caso de Paraguai, co obxectivo de “abrir camiños” para a procura de oportunidades de negocio comercial, expansión ou investimento.
Esta acción en Paraguai é unha das primeiras que se organizan para as empresas agroalimentarias e de servizos ao sector de Lugo por parte de FAGA e a Deputación de Lugo, no marco dun convenio de colaboración máis amplo (denominado “Lugo, valor agroalimentario”) que se desenvolve nas anualidades 2026 e 2027 e que implicará tamén visitas ao Brasil (a continuación da actual axenda en Paraguai), exploración en mercados da contorna asiática ou a posta en marcha de dous programas intensivos especializados orientados á identificación, acompañamento e aceleración de proxectos emprendedores e iniciativas innovadoras vencelladas á cadea de valor agroalimentaria e do sector lácteo.