Voltar atrás

Escrito o:

Máis dunha vintena de empresas participaron hoxe nun taller CONECTA LUGO sobre axudas públicas

Máis dunha vintena de empresarios se deron cita hoxe na sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para participar nun obradoiro programado para axudar ás empresas da provincia de Lugo a detectar oportunidades de financiamento público útiles para os seus proxectos. 

Organizado no marco do programa CONECTA LUGO, a actividade tivo un carácter práctico e participativo, centrándose en traballar sobre as necesidades, as inversións e os proxectos reais das empresas, co obxectivo de identificar as axudas concretas ás que poderían optar e planificar como prepararse de cara a 2027. 

Ao longo da sesión analizáronse as principais fontes de información existentes sobre axudas e subvencións, que aspectos convén revisar nunha convocatoria e como valorar se encaixa coas necesidades e os plans da empresa. Tamén se abordou a importancia da anticipación aos prazos e a de organizarse para a preparación das solicitudes.

A partir deste traballo, cada participante puido elaborar unha primeira planificación e un calendario orientador de axudas, co fin de xestionar as oportunidades de financiamento dun xeito máis ordenado e estratéxico.

Na xornada contouse coas aportacións técnicas de Hugo Criado, CEO de Medrar Innovation Office e Roberto Cuíñas, consultor de datos en Medrar Innovation Office, consultora agro-tech adicada a impulsar a competitividade empresarial mediante a consultoría estratéxica en innovación, sostebilidade e dixitalización, así como con Milagros Fernández, técnico do Igape - Oficina Económica de Galicia en Lugo, que adelantou información das liñas de axuda previstas por este organismo público de cara ao próximo exercicio.

CONECTA LUGO é un programa de información e asesoramento gratuito para empresas da provincia de Lugo, posto en marcha pola CEL co apoio e o financiamento da Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para incentivar a participación das empresas lucenses nas liñas de axuda deste organismo e, paralelamente, apoialas en procesos de innovación, internacionalización ou mellora da súa competitividade. Pódese solicitar asesoramento NESTA LIGAZÓN.