Escrito o:
Atraer talento no exterior, obxectivo da xornada na que participou a CEL esta semana
O noso conselleiro delegado executivo, Eduardo Valín, participou esta semana na xornada SUMANDO TALENTO ás empresas lucenses, organizada por AMMIGOBS co obxectivo de dar a coñecer programas que hai en Galicia de axuda á contratación no exterior e de captación internacional de talento. Entroutros, informouse do programa Retorna Cualifica Emprego ou de trámites para a contratación.
Na súa intervención, Eduardo Valín lembrou que "as empresas vimos sufrindo nos últimos anos un problema importante de remuda xeracional e cobertura de determinados postos de traballo", un problema que "Lugo soporta con especial intensidade polo envellecemento da poboación". Nesta liña, destacou a utilidade de "programas que nos permitan formar ás novas xeracións neses postos de traballo que custa atender" pero tamén das iniciativas que permitan "atopar no exterior e de forma inmediata determinados perfís de traballadores hoxe non dispoñibles aquí para continuar nosa actividade empresarial e non comprometer o futuro (diría que mesmo o presente) das nosas empresas".
Na xornada participaron asemade a alcaldesa de Lugo, Elena Candia López; a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado Lago; a avogada Isabel Teruel Sanjurjo; o director de AMMIGOBS, Daniel Manuel Vázquez Vila; e o concelleiro de Política Social, Maiores e Migracións, Gustavo Enrique Díaz Rey.