Voltar atrás

Escrito o:

Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo 2026

Entre os días 19 e 24 de outubro deste ano 2026 coincidindo como sempre coa semana 43 do calendario, conmemórase a Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo, unha cita anual promovida pola Axencia Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo (EU - OSHA) co obxectivo de axuntar esforzos na concienciación ao redor da prevención de riscos laborais. Este ano a Axencia estrea unha nova campaña, que se prolongará ata 2028: "Compromiso coa saúde mental no traballo. Avancemos na prevención de riscos psicosociais".

EU-OSHA presentou recentemente en Bruxelas esta nova campaña. Abarca toda a UE e ten por obxectivo de axudar ás empresas e organizacións a previr, avaliar e xestionar os riscos psicosociais no traballo.

A campaña nace da constatación de que os problemas de saúde mental están a aumentar na UE: case a metade (un 45%) das persoas traballadoras afirma enfrontarse a riscos para o seu benestar mental no traballo e un 29% das persoas traballadoras sofre tensións, ansiedade ou depresión provocadas ou agravados polo traballo. A exposición prolongada a riscos psicosociais ten un alto prezo e repercute de xeito significativo na saúde das persoas traballadoras, como mostran o absentismo e as baixas por enfermidade de longa duración. Isto non só prexudica ás persoas traballadoras, senón que tamén reduce a produtividade e aumenta os custos para as organizacións, con consecuencias que se estenden por toda a sociedade. 

Xornada INSST

Co obxectivo de contribuír á reflexión e ao intercambio de coñecemento e de dar comezo á nova campaña da EU-OSHA o INSST organiza o próximo día 22 de outubro, xoves, unha xornada informativa que reunirá a profesionais, especialistas e representantes do ámbito institucional, empresarial e sindical para analizar o presente e o futuro da prevención dos riscos psicosociais.

Ao longo da xornada abordaranse, desde unha perspectiva práctica e multidisciplinar, cuestións como a visibilización dos riscos psicosociais, o acoso e a discriminación na contorna laboral, a promoción da saúde mental nas organizacións e os desafíos que expoñen fenómenos emerxentes como o ciberacoso laboral ou as novas formas de traballo desenvolvidas a través de plataformas dixitais. 

A asistencia pode ser presencial ou en liña e a inscrición permanece aberta a través desta ligazón. 

Desde o Gabinete Técnico de Seguridade e Saúde Laboral da CEL, facemos noso unha vez máis o compromiso coa saúde mental no traballo e lembramos a importancia de promover contornas laborais seguras e saudables, tamén no plano psíquico.

MÁS INFO SOBRE A CAMPAÑA