Escrito o:
A promoción da saúde na empresa, obxectivo dun convenio entre CEL e o Colexio de Médicos de Lugo
A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe o acto de firma dun convenio de colaboración entre a organización empresarial lucense e o Colexio Oficial de Médicos de Lugo polo que ambas as entidades acordan cooperar na posta en marcha de iniciativas que impulsen a adopción de hábitos saudables e a formación continua en materias que contribúan á mellora da saúde desde o ámbito empresarial.
No acto de firma participaron Eduardo Iglesias García, presidente do Colexio Oficial de Médicos de Lugo, e Jaime Luis López Vázquez, secretario xeral da CEL.
O secretario da CEL subliñou na súa intervención a relevancia da promoción da saúde en contornas de traballo, lembrando que dende as organizacións empresariais e as empresas se traballa activamente nesta dirección xa mesmo antes da aprobación da Lei de Prevención de Riscos Laborais “que este exercicio cumpre 30 anos en vigor e que marcou o inicio da consolidación dunha cultura preventiva máis sólida, segundo a cal a seguridade nas empresas non é unha cuestión puntual, senón unha responsabilidade compartida e permanente, que sitúa a saúde das persoas en contornas de traballo como unha prioridade”.
Con este obxectivo da saúde como centro nas empresas se concibe convenio asinado hoxe, que indica expresamente o interese de ambas as entidades por “fomentar iniciativas que redunden en beneficio do tecido empresarial lucense e das persoas traballadoras, ocupadas e en situación de desemprego, favorecendo a promoción da saúde, a adquisición de hábitos de vida saudables, a formación en primeiros auxilios e reanimación cardiopulmonar básica, así como a mellora dos recursos materiais destinados á formación sanitaria”.
Benestar e prevención
Nesta liña, ámbalas dúas organizacións colaborarán na “identificación de necesidades do tecido empresarial lucense en materia de saúde, benestar e prevención” así como na “realización de actividades de formación e sensibilización dirixidas ao tecido empresarial, especialmente en materias relacionadas con RCP básica, actuación inicial ante emerxencias e fomento de hábitos saudables na contorna laboral”.
Entre as actuacións contempladas obsérvase tamén a posta en marcha de accións de sensibilización orientadas á promoción de hábitos saudables desde as empresas, centradas na promoción da actividade física, a alimentación saudable, o respecto ao descanso e o sono, a saúde cardiovascular, a prevención do tabaquismo e outros hábitos nocivos, o coidado do benestar emocional e a xestión saudable do estrés, a ergonomía e bos hábitos posturais ou a prevención de factores de risco relacionados co traballo sedentario.