Escrito o:
CONECTA LUGO | Como planificar HOXE o financiamento público da túa empresa
Como pode anticiparse unha empresa ás oportunidades de financiamento público? Co obxectivo de responder a esta pregunta, a CEL organiza no marco do programa CONECTA LUGO esta actividade práctica e participativa, na que as persoas asistentes traballarán sobre as necesidades, os investimentos e os proxectos reais das súas empresas para identificar as axudas ás que poderían optar e planificar como prepararse.
Ao longo da sesión analizaranse as principais fontes de información sobre axudas e subvencións, que aspectos convén revisar nunha convocatoria e como valorar se encaixa coas necesidades e os plans da empresa. Tamén se abordará a importancia de anticiparse aos prazos e organizar a preparación das solicitudes.
A partir deste traballo, cada participante poderá elaborar unha primeira folla de ruta e un calendario orientativo de axudas, co fin de xestionar as oportunidades de financiamento dunha maneira máis ordenada e estratéxica.
Na xornada, que terá lugar na sede central da CEL en Lugo o próximo día 21 de outubro, mércores, en horario de 11:00 a 13:30 horas, contarase coas aportacións técnicas de Hugo Criado, CEO de Medrar Innovation Office e Roberto Cuíñas, consultor de datos en Medrar Innovation Office, unha consultora agro-tech que impulsa a competitividade empresarial mediante a consultoría estratéxica en innovación, sustentabilidade e dixitalización, así como cun técnico do Igape.
INSCRICIÓN na actividade COMO PLANIFICAR HOXE O FINANCIAMENTO PÚBLICO DA TÚA EMPRESA
CONECTA LUGO é un programa de información e asesoramento gratuíto para empresas da provincia de Lugo, posto en marcha pola CEL co apoio e financiamento da Xunta de Galicia a través do IGAPE. Alén de asistir a talleres e xornadas, os interesados nesta iniciativa poden solicitar unha cita para asesoramento personalizado nesa ligazón.