Escrito o:
Adeus a Eduardo Jiménez Domínguez, presidente da CEL entre 2003 e 2012
O persoal e dirección da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) manifestan o seu profundo pesar polo falecemento de Eduardo Jiménez Domínguez, o que foi presidente da organización empresarial durante case nove anos, entre xuño de 2003 e febreiro de 2012.
Tanto o persoal como os empresarios da Confederación que compartiron tempo con Eduardo, destacan o seu carácter conciliador e, á vez, combativo, ou a súa capacidade de escoita e negociación pero, por encima de todo, subliñan da súa persoa afabilidade, bonhomía e profunda humanidade, que deixou unha pegada indeleble e un profundo cariño cara a el entre todos os que lle trataron.
Todos lembran que Eduardo Jiménez chegou á CEL nunha época convulsa, de división entre os que formaban parte da entidade, e que en moi breve espazo de tempo conseguiu achegar posturas que parecían irreconciliables á vez que deseñaba un plan de viabilidade económica para a organización que, entre outras medidas, implicou a creación dun órgano que logo imitaron outras organizacións irmás no país, o Consello Asesor da CEL, que outorga especial consideración ás empresas máis relevantes que operan na provincia.
Esa capacidade de conciliación, dirección económica e de persoas de Eduardo Jiménez abriu un período de estabilidade na CEL que se prolonga ata o día de hoxe, consolidando a súa estrutura interna e proxección externa.
Durante a súa presidencia, Eduardo mostrou unha profunda preocupación pola súa terra de adopción, Lugo, e o seu futuro, sendo especialmente vixiante e combativo en cuestións relacionadas coa falta de infraestruturas de comunicación deste territorio e a súa deficiente vertebración externa e externa, e moi activo en promover entre o empresariado provincial unha mentalidade máis aberta á innovación e á internacionalización.
Na CEL recibiuse con moita tristeza e consternación a noticia do falecemento de Eduardo Jiménez. Cun recordo moi especial para toda a súa familia, transmítenlles a súa pésame e cariño nestes difíciles momentos.
Quen foi Eduardo?
Nacido o 3 de xullo de 1942, Eduardo Jiménez Domínguez deixa catro fillos. Parte da súa formación adquiriuna en Madrid, onde obtivo a titulación de Enxeñeiro Técnico de Obras Públicas polo Instituto Politécnico, aínda que tamén se graduou en Dirección de Empresas polo IESE da Universidade de Navarra.
Comezou a súa actividade profesional en 1963 no Ministerio de Obras Públicas, pasando pouco despois á empresa privada. A partir de 1975 intégrase como controller e subdirector xeral no Grupo CAVOSA, dedicado á minería e ás obras públicas. Adquire este Grupo, en colaboración con varios dos seus directivos, no ano 87, mediante un management buyout. A partir deste intre encárgase especificamente do seu desenvolvemento internacional, abrindo oficinas en Portugal, Tailandia, Venezuela, Brasil e Arxentina, á vez que a compañía diversifica a súa actividade aos sectores inmobiliario, de xeración eléctrica, acuícola (piscifactorías) e explotación agraria (oleicolas).
En 1992 traslada o seu domicilio a Lugo, onde se fai cargo da dirección da empresa mineira Magnesitas de Rubián S.A, participada polo Grupo PMC (Promotora de Minas e Carbón) no que mantivo responsabilidades durante anos.
Alén de presidente da Confederación de Empresarios de Lugo entre xuño de 2003 e febreiro de 2012, Eduardo Jiménez tivo unha intensa implicación no movemento asociativo lucense, sendo tamén presidente da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo entre 2004 e 2009 e presidente executivo da Fundación CEL entre 2009 e 2016. Durante aqueles formou parte tamén das directivas da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), CEOE ou Cepyme.
Foi tamén conselleiro de Euromines e Enfema en Bruxelas, sociedades representantes dos sectores de minería e fabricación de pensos a nivel da UE.