Escrito o:
A CEL recibe ao cónsul xeral de Portugal en Galicia
O conselleiro delegado executivo da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Eduardo Valín, recibiu hoxe en Lugo, na sede central da organización empresarial, ao cónsul xeral de Portugal en Galicia, João Bezerra da Silva.
O encontro, ao que se incorporou posteriormente tamén o conselleiro delegado territorial da Confederación, José Ángel Penas, é un máis dos diversos contactos institucionais que a CEL mantén periodicamente con diferentes entidades representativas doutros países para facilitar as relacións comerciais das empresas lucenses no exterior e impulsar as súas posibilidades de investimento e internacionalización.
Pola súa banda, o Cónsul Xeral de Portugal en Galicia buscaba afondar no coñecemento da realidade económica e empresarial da provincia lucense, así como identificar sectores e ámbitos de interese común con potencial para o desenvolvemento de novas formas de cooperación e sinerxías de Lugo con Portugal.
Este contacto enmárcase igualmente no contexto da recente elevación do anterior Viceconsulado a Consulado Xeral, que supón un reforzo da presenza institucional portuguesa na rexión e reflicte unha vontade renovada de profundar nas relacións económicas, empresariais e institucionais cos actores locais.
Portugal é un mercado irmán e de gran interese para Galicia e Lugo. En datos, é o segundo mercado exterior máis importante para a Comunidade Autónoma galega, tras Francia: soamente en 2025, Galicia exportou a Portugal mercancías por valor de máis 4.000 millóns de euros, mentres que a provincia de Lugo exportou ao seu país veciño nese exercicio mercancías por valor de case 130 millóns de euros, segundo datos da Axencia Tributaria.
Importantes empresas lucenses manteñen relacións comerciais estreitas e longa duración con Portugal, en especial dos sectores agroalimentario e forestal – madeira, como Novafrigsa, Torre de Núñez, Vinigalicia, Innolact – Quescrem, ABSA, Madeiras Villapol, Madeiras Besteiro, entroutras.