Voltar atrás

Escrito o:

USC, Caixa Rural Galega e CEL reafirman o seu compromiso coa investigación tecnolóxica luguesa

Universidade de Santiago de Compostela, Caixa Rural Galega e a Confederación de Empresarios de Lugo colaboran dende o ano 1995 na promoción de actividades de investigación tecnolóxica para favorecer a interrelación entre as accións universitarias e as necesidades empresariais. Este compromiso queda tamén materializado para o presente ano logo da sinatura do convenio de colaboración que tivo lugar este luns no Pazo de Montenegro no que participaron a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela López, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime Luis López Vázquez.

Tal e como manifestou a reitora no acto, “a renovación deste convenio é, en realidade, a confirmación dunha relación que se mantén viva desde 1995 e que naceu cunha idea moi clara: poñer en contacto o coñecemento que se crea na Universidade coas necesidades do tecido empresarial e contribuír, desde esa colaboración, ao desenvolvemento do noso territorio”. E puxo o acento a reitora no Campus de Lugo, que ten “moito que achegar” ao desenvolvemento económico e social da provincia e de Galicia “a través da súa actividade docente e investigadora, capacidade de innovación e estreita vinculación co territorio”.

Este acordo, concluíu, “expresa unha maneira de entender a relación entre Universidade, empresa e sociedade: unha relación baseada na confianza, no compromiso mutuo e na convicción de que o progreso sempre é máis sólido cando se constrúe de maneira compartida”. 

O convenio

Con esta colaboración en coñecemento tecnolóxico búscase acadar unha estratexia competitiva para a provincia de Lugo baseada nas ideas, produtos diferenciados e servizos a medida incidindo nas actuacións de I+D e innovación, actividades que contribúen a mellorar a competitividade nas empresas, o que á súa vez redundará en resultados positivos como poden ser a balanza comercial e o incremento de postos de traballo de alto valor engadido.

Como obxectivos principais, esta cooperación público-privada pretende difundir entre o profesorado do Campus de Lugo as convocatorias de proxectos de investigación así como de recursos humanos de I+D+i realizadas por distintos organismos e entidades, captar maiores recursos para áreas deficitarias, apoiar a creación de empresas de base tecnolóxica que teñen a súa orixe nos resultados de investigación obtidos no Campus de Lugo así como o emprendemento do estudantado e, por último, difundir os resultados dos proxectos e actividades de I+D+i do Campus de Lugo.

Achegas das partes

Neste acordo, para o que Caixa Rural Galega achega 50.000 euros, a USC comprométese a achegar instalacións e persoal investigador e a transferir coñecementos á sociedade civil e ás iniciativas económicas que xurdan en relación co fin deste convenio. Pola súa banda, a CEL facilitará a difusión da oferta tecnolóxica dos grupos de investigación da USC no Campus de Lugo entre os seus membros e colaborará na busca de socios empresariais.