Escrito o:
FORO Vivenda Ribeira Sacra
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza, xunto coa Asociación Ribeira Sacra Next e a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), o FORO DE VIVENDA RIBEIRA SACRA, unha xornada de traballo, reflexión e debate que reunirá en Monforte de Lemos a representantes institucionais, profesionais, empresarios e expertos para analizar a situación actual da vivenda e buscar solucións aos desafíos que afronta o territorio.
O foro xorde como unha iniciativa da Asociación Ribeira Sacra Next ante a crecente preocupación pola problemática da vivenda na comarca, na que se leva tendo detectando dificultades relacionadas coa dispoñibilidade de inmobles, a rehabilitación do parque residencial, o acceso á vivenda para novos residentes e traballadores. Unha preocupación que se estende aos negativos efectos que esta realidade pode ter sobre o desenvolvemento económico e social do territorio no curto e medio prazo.
O evento conta tamén coa colaboración da Xunta de Galicia, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e Lugo, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, ou o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, alén dos medios de comunicación La Región e El Progreso.
Programa
O Foro de Vivenda Ribeira Sacra terá lugar o próximo 19 de xuño de 2026, venres, en horario de 9.30 a 19.30 horas, no Parador de Monforte de Lemos. Durante a xornada abordaranse cuestións relacionadas coa vivenda desde diferentes perspectivas: a planificación territorial, a rehabilitación do patrimonio inmobiliario, a mobilización de vivendas baleiras, as necesidades do tecido empresarial para atraer e fixar talento, así como as oportunidades que poden contribuír a garantir un desenvolvemento sostible da comarca. Máis información sobre mesas e relatoras descargable ao cabo desta entrada.
O Foro Vivenda Ribeira Sacra nace coa vontade de converterse nun espazo de reflexión, análise e proposta, capaz de reunir coñecemento, experiencia e iniciativas que contribúan a afrontar un dos desafíos máis importantes para o futuro da comarca: garantir o acceso á vivenda como elemento clave para a fixación de poboación, a atracción de investimento e o desenvolvemento económico da Ribeira Sacra.
As persoas interesadas en asistir poden formalizar a súa inscrición a través da seguinte ligazón: