Voltar atrás

Escrito o:

A CEL informa ás empresas sobre cumprimento normativo na área laboral

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) congregou hoxe na súa sede central a preto de unha vintena de persoas na xornada informativa “Compliance Laboral. Protocolos e investigacións de acoso no ámbito laboral. Canal de denuncias”, na que se analizaron diferentes aspectos da normativa laboral, con especial atención ao establecido na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción. 

Guadalupe Hervera, técnica da área xurídica – laboral da CEL, coordinou a xornada, que contou coas achegas de Ricardo Ron, doutor en Dereito, subdirector do Valedor do Pobo, director técnico da Autoridade Galega de Protección á persoa Informante, alén de profesor titular de Dereito do Traballo e Seguridade Social na UDC e autor de numerosas publicacións no seu ámbito; e de Pablo Romero, avogado laboralista en Vento Abogados & Asesores, especialista en asesoría a empresa, asesoría a traballadores, administracións e emprego público (persoal laboral, estatutario e funcionarios), así como responsabilidade civil no ámbito laboral e Seguridade Social. 

Guadalupe Hervera subliñou na súa intervención que as “esixencias normativas e sociais son cada vez maiores e que, cada vez máis, o que se espera das empresas non é só que cumpran coa legalidade, senón que creen contornas de traballo seguros, igualitarios e aliñados con principios éticos sólidos”. Insistiu en que “máis aló do cumprimento da normativa, que é importante, as empresas necesitan ter en conta todas estas esixencias como unha oportunidade de obter un valor engadido para as súas organizacións (como mellora reputacional, atracción e retención de talento ou credibilidade, entre outros).

Pola súa banda, os relatores invitados realizaron un amplo repaso polas obrigacións legais en materia de protección fronte ao acoso. Pablo Romero tratou detalladamente o procedemento e contido do protocolo fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, extensible a outros supostos de acoso, e Ricardo Ron centrouse, nun relatorio ameno e moi participativa, na canle interna e externo de denuncias da Lei 2/2023, con atención ao papel e atribucións da Autoridade Galega de Protección da persoa Informante (AGPI). 

Esta xornada é a segunda organizada pola CEL sobre normativa laboral, tras a celebrada en marzo sobre rexistro de xornada, no marco das actuacións do Diálogo Social en Galicia, que se poñen en marcha por parte de organizacións empresariais e sindicais co apoio da Xunta de Galicia.