Voltar atrás

Escrito o:

Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo 2026

Mañá martes, 28 de abril de 2026, conmemórase o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo. Trátase dunha data conmemorativa na que, anualmente, a Organización Internacional do Traballo (OIT) impulsa accións de sensibilización e concienciación dirixidas a centrar a atención internacional sobre a magnitude do problema dos riscos laborais e sobre como a creación e promoción dunha cultura da seguridade e a saúde pode axudar a reducir o número de mortes e lesións relacionadas co traballo.  

Este ano, a campaña da OIT céntrase en promover accións para garantir unha contorna psicosocial saudable no traballo. Segundo as novas estimacións publicadas pola OIT no seu último informe global sobre "A contorna psicosocial no traballo: avances mundiais e vías de acción", os factores de risco psicosocial son responsables de máis de 840 000 mortes anuais como consecuencia de enfermidades cardiovasculares e trastornos mentais asociados. Estes riscos tamén provocan a perda de preto de 45 millóns de anos de vida axustados en función da discapacidade (AVAD) cada ano. Calcúlase que o impacto combinado das enfermidades cardiovasculares e os trastornos mentais asociados a factores de risco psicosocial supón unha perda anual do 1,37 por cento do PIB mundial.   

Cando os factores psicosociais afectan negativamente os traballadores, convértense en riscos que, do mesmo xeito que os de tipo físico, químico e biolóxico, deben abordarse e xestionarse para garantir contornas de traballo seguros e saudables. 

Desde a CEL sumámonos a esta data, lembrando que temos ao dispor das empresas da provincia de Lugo o noso Gabinete Técnico de Seguridade e Saúde Laboral, a través do que ofrecemos asesoramento gratuíto en materia de prevención de riscos laborais e, por suposto, en materia de obrigacións, normativa e medidas preventivas no ámbito psicosocial. Lembramos que o pasado ano publicamos a Manual "Saúde Mental. Riscos e medidas preventivas",  unha breve guía práctica na que se recollen cuestións básicas relacionadas como factores de risco psicosocial, consecuencias de exposición a estes riscos, danos á saúde derivados ou principais medidas preventivas a adoptar, descargable de forma gratuíta (tamén contamos con exemplares impresos na nosa sede central.  

Máis información e outros materiais na web da OIT