Voltar atrás

Escrito o:

As empresas de Lugo infórmanse sobre a reforma do rexistro horario

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) congregou hoxe na súa sede central a preto dunha trintena de persoas na sesión informativa “O rexistro de xornada e os retos do novo rexistro dixital”, unha cuestión de forte impacto na área laboral e de recursos humanos das empresas e de total actualidade por atoparse en tramitación e a debate a nova normativa que regulará esta obriga. 

O secretario xeral da CEL, Jaime López, inaugurou o encontro precisamente referíndose a que a nova norma que regulará o rexistro horario “se atopa en tramitación dende fai xa máis de medio ano” e que, “aínda que está máis que nunca no aire tras o ditame desfavorable do Consello de Estado sobre a mesma coñecido esta semana”, o previsible é que antes ou despois o Ministerio de Traballo publique a nova regulación e “as empresas deben estar o máis informadas e preparadas posible ao respecto desta cuestión”.

A xornada artellouse ao redor da análise do réxime xurídico vixente en materia de rexistro de xornada, así como os principais retos derivados desa futura reforma da normativa que o regula, e que implicará a implantación do rexistro dixital obrigatorio de xornada. 

Para o devandito análise, contouse coas intervencións de Elena Mancha, inspectora de Traballo e Seguridade Social en A Coruña; Catarina Capeáns, socia responsable da área de Dereito Laboral de Vento Abogados & Asesores, e Jorge Cebreiros, CEO de InfoJC, empresa que ofrece solucións tecnolóxicas para o rexistro de xornada.

Elena Mancha realizou un completo repaso sobre o marco legal actual, regulado polo Estatuto dos Traballadores (artigo 34.9), lembrando as diferenzas entre rexistro de xornada para contratos a tempo completo e contratos a tempo parcial (regulado polo artigo 12.4 do Estatuto), así como o procedemento de actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social ao respecto do control do cumprimento desta obrigación por parte das empresas e os novos escenarios que introduce o proxecto de Real Decreto en tramitación. 

Pola súa banda, Catarina Capeáns ampliou a intervención anterior centrándose en resolución de dúbidas sobre cómputo de tempo de traballo efectivo, comentando xurisprudencia ao respecto, ou correcto enchemento do rexistro, subliñando a importancia de “formalizar nas empresas un protocolo de rexistro horario no que quede claro para a persoa traballadora que é ou non é tempo de traballo e como cumprimentar o rexistro correctamente”. 

Pola súa banda, Jorge Cebreiros realizou un repaso sobre as solucións tecnolóxicas existentes e útiles para realizar o rexistro dixital de xornada, lembrando que este tipo de ferramentas non soamente permiten o cumprimento dunha obrigación normativa, se non que tamén facilitan a recompilación de datos útiles e relevantes para a mellora da xestión empresarial, constituíndo unha oportunidade para mellora de servizos e mesmo para combater o absentismo laboral.