Voltar atrás

Escrito o:

Europastry incorpórase ao Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Lugo

Europastry, empresa líder no sector de panadería e masas conxeladas, incorporouse ao Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), o órgano interno da organización empresarial lucense que agrupa a empresas de orixe lucense ou con especial implantación na provincia e que adquiriron, pola súa actividade ou traxectoria, unha especial transcendencia. 

A integración, que se formalizou no mes de febreiro, responde o interese da CEL de “seguir sumando ao noso Consello ás principais empresas con actividade na provincia, a aquelas que dinamizan a nosa economía, exportan, innovan, xeran emprego e reteñen talento, porque son as que están a construír o noso actual benestar e poden, por tanto, achegar as mellores ideas de fronte ao futuro”, en palabras do seu secretario xeral, Jaime López. 

Europastry implantouse na provincia tras a adquisición da empresa lucense Ingapan, operación realizada en dúas fases: a adquisición do 60% en 2017 e do 40% restante en 2019. Esta operación reforzou o liderado da multinacional no sector de masas conxeladas e consolidou a súa presenza industrial en Galicia. 

A compañía rexistrou un crecemento sostido durante os últimos anos, impulsado polo seu liderado en innovación e a súa expansión internacional.  En 2024 alcanzou un volume de vendas de 1.506 millóns de euros, o que representa un incremento do 12% con respecto ao exercicio anterior. 

Nese mesmo exercicio, o investimento en I+D e tecnoloxía alcanzou os 124,4 millóns de euros. Asimsimo, a compañía continúa reforzando o seu proceso de internacionalización con proxectos como o investimento de 19 millóns de euros nunha nova planta de cookies en Oldenzaal (Países Baixos), distinguida por ser carbón neutral. 

Europastry conta cunha distribución sólida e un negocio diversificado que lle levou a superar os 90.000 clientes en máis de 90 países. A innovación é un dos piares estratéxicos da compañía: os novos produtos lanzados durante o últimos tres anos representaron o 22,5% das vendas totais do grupo.

Centro industrial e innovación en Lugo

A presenza de Europastry na provincia articúlase a través de cinco plantas de produción e un total de trece liñas nas que se elaboran diferentes categorías de produto, nos que a compañía é especialista, como pan, produtos de quinta gama, empanadas, pizzas, pastelería e bocadillos, entre outros. 

Ademais, Europastry conta no territorio con Cereal, Centro de I + D de Europastry, desde o que un equipo altamente cualificado traballa no desenvolvemento de novos produtos, procesos e solucións innovadoras para responder ás novas tendencias de consumo e reforzar o liderado da compañía en innovación dentro do sector de masas conxeladas.

“A participación no Consello Asesor da CEL permítenos reforzar o diálogo co tecido empresarial e contribuír ao desenvolvemento económico e social da provincia”, afirma Susana Burgo, Plant Manager de Europastry Lugo.

Consello Asesor CEL

O Consello Asesor é un órgano interno da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) que aglutina empresas cunha especial traxectoria e implantación na provincia que libremente deciden formar parte do mesmo.  

O Consello, tras sumarse Europastry, conta na actualidade con 44 empresas integradas, que representan a todos os sectores con implantación na provincia, con especial atención aos de servizos e agroalimentario, este último de interese estratéxico para Lugo.