Voltar atrás

Escrito o:

INNOGANDO incorpórase ao Consello Asesor da CEL

A empresa lucense INNOGANDO S.L. vén de integrarse no Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), unha incorporación que enriquece este grupo de empresas da organización empresarial lucense.  

Para formalizar a integración, Elio López García, director executivo (CEO) e cofundador de INNOGANDO, e Jaime López, secretario xeral da CEL, mantiveron hoxe na sede central da organización empresarial lucense un encontro de traballo, orientado a explorar vías de colaboración e iniciativas a desenvolver conxuntamente. 

O secretario xeral da CEL manifestou a súa satisfacción pola incorporación dunha empresa nova e innovadora como INNOGANDO, subliñando o gran valor deste tipo de iniciativas empresariais que, desde Lugo, “axudan a optimizar o funcionamento de explotacións rurais a través da tecnoloxía”, modernizando un sector chave para a nosa economía e converténdose en exemplo a seguir “pois son unha empresa pioneira a nivel mundial no tipo de solucións e servizos que ofrecen”. 

INNOGANDO é unha empresa tecnolóxica que especializada en solucións tecnolóxicas avanzadas “para que os gandeiros poidan mellorar a rendibilidade da súa granxa e a calidade de vida tanto dos animais como deles mesmos”. Entre estas solucións atópanse os RUMI (colares intelixentes) dispositivos con GPS e panel solar monitorizan en tempo real a localización, saúde, actividade e celos do gando, xestionando todo iso a través dunha plataforma (RUMI App) que permite un seguimento total destes datos desde un móbil.  

Estes servizos veranse incrementados no colar cunha nova prestación que está en fase de probas (aínda que xa moi avanzada, pois esperan que estea totalmente operativa no verán): o valado virtual, que permite o telepastoreo do gando a través de estímulos sonoros e vibracións. 

Na actualidade, INNOGANDO está conformada por un equipo de 35 persoas, con perfil novo e titulacións superiores; presta servizo a máis de 1.500 clientes en España e ten instalados xa máis de 50.000 dispositivos tanto en España como noutros países. Concretamente, a empresa leva un tempo en proceso de internacionalización, con clientes en países como Estados Unidos, Nova Zelanda, Venezuela, Arxentina, Uruguai México, Irlanda ou Portugal.  

Por riba, nesa liña de traballo de saír ao exterior, INNOGANDO vén de ser recibir o apoio a un dos seus proxectos dentro dos Programas Innoglobal do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), entidade pública dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que fomenta a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico (I+D+i) en empresas. O seu proxecto, a terceira proposta mellor valorada de todo o Estado nesta convocatoria, contou co apoio de Medrar Innovation Solutions para a formulación da proposta e desenvolverase tamén en colaboración coa Universidade de Paraná en Brasil. É un proxecto que lles permitirá mellorar os seus servizos tecnolóxicos e ampliar a súa implantación a nivel internacional. 

Consello Asesor CEL

O Consello Asesor é un órgano interno da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) que aglutina empresas cunha especial traxectoria e implantación na provincia que libremente deciden formar parte do mesmo.  

Coa incorporación de INNOGANDO, o Consello conta na actualidade con máis de 40 empresas integradas, que representan a todos os sectores con implantación na provincia, con especial atención ao de servizos e agroalimentario, este último de interese estratéxico para Lugo.