Voltar atrás

Escrito o:

Trinta anos da entrada en vigor da Lei de Prevención de Riscos Laborais

O próximo día 10 de febreiro de 2026 cúmprese o trixésimo aniversario da entrada en vigor da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, unha normativa que supuxo un fito histórico e serviu de referencia para sentar as bases dunha cultura da prevención no noso país, segundo lembra o Goberno, que decidiu tamén con motivo deste aniversario declarar ao 2026 como o "Ano da Seguridade e Saúde Laboral".

Coincidindo precisamente con esta data e coa conmemoración dese Ano da Seguridade e Saúde Laboral, diferentes organizacións teñen previstos actos, elaboración e difusión de campañas divulgativas e outros materiais.

Concretamente e polo momento, o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) inaugura o próximo día 10 de febreiro, martes, o seu ciclo anual de xornadas técnicas coa xornada "30 anos de PRL en España: pasado, presente e futuro", na que propón unha reflexión conxunta sobre o pasado, o presente e o futuro da PRL, analizando os logros acadados, os cambios normativos e os retos pendentes, co obxectivo de seguir avanzando cara a contornas de traballo máis seguros, saudables e adaptados aos desafíos do século XXI.

A xornada terá lugar en horario de 10:00 a 12:45 horas, en formato presencial (na sede do INSST, C/ Torrelaguna, 73, 28027 de Madrid) e en liña. Más información e inscricións nesta ligazón.

Por outra banda, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) decidiu dar visibilidade á declaración de 2026 como Ano da Seguridade e Saúde Laboral coa elaboración dun calendario e un cartel que lembran os principios da acción preventiva e a súa importancia. A campaña e os seus materiais poden visibilizarse nesta ligazón

Desde o Gabinete Técnico de Seguridade e Saúde da CEL sumámonos a esta conmemoración. Manterémosvos informados de actividades en materia de prevención de riscos laborais doutras organizacións e das nosas ao longo do ano, lembrando tamén que este Gabinete atende de forma gratuíta consultas individualizas de empresas da provincia interesadas en resolver dúbidas neste ámbito. Más info e contacto aquí