Escrito o:
Gabinete Técnico de Igualdade 2026
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) mantén en funcionamento este 2026 o seu Gabinete Técnico de Igualdade, un servizo de información e asesoramento posto en marcha co financiamento da Xunta de Galicia e o Ministerio de Traballo e Economía Social, a través do Servizo Público de Emprego (SEPE). O Gabinete conta con persoal técnico especializado que proporciona información e asesoramento ás empresas da provincia de Lugo en materia de igualdade e respecto á diversidade en contornas laborais.
Trátase dun servizo que está operativo en todas as confederacións provinciais de Galicia e coordinado a través da CEG. Entroutras, aténdense consultas sobre normativa en materia de igualdade e non discriminación, obrigacións a cumprir, protocolos de acoso, plans de igualdade e outras cuestións de interese. Igualmente, elabora circulares periodicas e difunde toda a documentación que considera de utilidade para facilitar ás empresas a adopción das medidas necesarias para dar cumprimento á normativa vixente.
Desde a organización empresarial lucense búscase impulsar unha maior cultura corporativa na materia, fomentando a igualdade laboral e de oportunidades na empresa, a loita contra a fenda salarial e a promoción de ambientes de respecto á diversidade nos centros de traballo de Lugo.
A CEL considera que adoptar medidas de fomento da igualdade e a diversidade, integrándoa como valor corporativo nas empresas, non só axuda a construír ambientes de traballo máis seguros e saudables, senón que favorece a competitividade empresarial e contribúe á mellora xeral da sociedade.
As empresas interesadas en máis información ou asesoramento individualizado poden poñerse en contacto cos técnicos deste Gabinete a través do teléfono 982 23 11 50 ou na dirección de e-mail gabinete.igualdade@cel.es.