Escrito o:
CEL e Diputación de Lugo difunden unha nova edición do seu informe estatístico anual
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Deputación de Lugo veñen de lanzar a publicación “Lugo, Informe Anual 2025”, un estudo que recompila os principais indicadores demográficos, laborais, empresariais, turísticos e macroeconómicos de Lugo correspondentes ao último exercicio, co obxectivo de ofrecer unha “panorámica actualizada e precisa da realidade provincial”.
Dende a CEL destácase que o obxectivo desta publicación é, novamente, que “sirva de ferramenta e referencia para cidadáns, empresas e institucións públicas á hora de realizar avaliacións de situación sobre este territorio e proceder á toma de decisións”. O secretario da entidade, Jaime López, suliña que é “de vital importancia contar con este tipo de publicacións como base para ver ano a ano a situación da provincia, o que é posible grazas á “colaboración público – privada e ó apoio decidido da Deputación de Lugo a esta iniciativa”.
Pola súa banda, dende a Deputación sinalan que “o informe recolle dúas tendencias moi interesantes”, unha delas “que están a medrar as empresas de mediano tamaño, tanto as que teñen ata 50 empregados, como as que teñen entre 50 e 250, o que demostra a capacidade do tecido produtivo provincial para profesionalizar e xerar emprego” e, a outra, que “no mundo rural se observa tamén unha certa tendencia á reagrupación das explotacións gandeiras en unidades de maior tamaño”, o que é un reflexo do “traballo que están a facer as novas xeracións de gandeiros e gandeiras; xente que chega ó agro con estudos, con capacidade nas novas tecnoloxías, e que apostan por unha modernización para competir con éxito no mercado”.
Identidade económica e social sólida
Á luz dos datos recollidos en “Lugo, Informe Anual 2025” e segundo a CEL sinala na súa introdución, “a provincia de Lugo continúa a amosar unha identidade económica e social sólida, marcada por un tecido produtivo resiliente, un mercado laboral que mantén o crecemento do emprego e unha sociedade que, malia o envellecemento poboacional, segue a mellorar en benestar e rendemento económico”.
No ámbito económico e laboral, Lugo pechou 2024 cunha taxa de paro do 6,99 %, situándose por debaixo das medias galega (8,67 %) e estatal (11,35 %). O número de ocupados acada as 139.400 persoas, cunha distribución que reafirma o peso do sector servizos (63,2 %), seguido da agricultura (15,2 %), a industria (15 %) e a construción (6,6 %). A contratación mantívose estable respecto a 2023, con 72.494 contratos rexistrados, dos cales o 34 % foron indefinidos. O avance da contratación indefinida consolídase especialmente nos contratos por circunstancias da produción, que supoñen máis da metade das conversións.
A afiliación á Seguridade Social tamén mostra un comportamento positivo: en 2024 rexistráronse 125.319 persoas afiliadas e o peso dos autónomos en Lugo (24,9 %) é superior ao conxunto de Galicia (19,1 %), evidenciando o forte carácter emprendedor e a relevancia das pequenas empresas e actividades familiares. En materia de pensións, a provincia contabiliza 113.091 prestacións cunha pensión media de 983,9 euros, un dato que reflicte a estabilidade do sistema e o seu impacto directo sobre o consumo interno.
Tecido empresarial
O tecido empresarial lucense componse de arredor de 22.600 empresas, das que o 97% son microempresas, e o número de sociedades de tamaño medio segue a medrar. Entre 2022 e 2023, aumentaron un 4,7 % as empresas de 10 a 49 traballadores e un 8,4 % as de entre 50 e 249, o que evidencia unha tendencia cara á consolidación e profesionalización do tecido produtivo. Pola súa banda, o sector primario continúa a xogar un papel estratéxico, cunha progresiva concentración de explotacións gandeiras que melloran en dimensión e rendemento, situando a Lugo como unha das provincias de referencia en produción láctea.
No ámbito do turismo, a actividade consolidouse tras a recuperación pospandemia. En 2023 o grao de ocupación hoteleira foi do 33,7 %, cunha estancia media de 1,69 días; no turismo rural, a ocupación situouse no 15,5 % e a estancia media nos 1,9 días, mentres que os apartamentos turísticos rexistraron un 26,8 % de ocupación e unha media de 3,2 días por visitante. Estes datos reflicten un fluxo estable e un interese crecente polo turismo de natureza e polo patrimonio histórico e cultural da provincia.
En canto aos prezos e á actividade macroeconómica, o IPC en Lugo moderouse ata o 3,1 % en 2023, en liña coas medias galega e estatal. O PIB provincial acadou os 7.395 millóns de euros, cun predominio claro do sector servizos (64,6 %), seguido da industria (11,7 %), os impostos netos (9,5 %), a agricultura (8,8 %) e a construción (5,4 %). A estrutura económica mostra, así, unha diversificación sostida e unha base produtiva que combina tradición e innovación.
Os datos máis negativos repítense a nivel demográfico: Lugo mantén unha estrutura poboacional moi marcada polo envellecemento. Case o 7 % dos seus habitantes teñen 85 ou máis anos, unha proporción superior á galega e estatal, mentres que só o 2,8 % corresponde a nenos menores de 4 anos. O descenso da natalidade non se compensa completamente co aumento da poboación de orixe estranxeira, aínda que esta achega vitalidade económica e cultural a moitos concellos. A composición dos fogares tamén evoluciona: as parellas con fillos seguen a ser o tipo máis frecuente (26,5 %), pero medran os fogares unipersoais (23 %) e as parellas sen fillos (25 %), un reflexo dos cambios sociais e das novas dinámicas residenciais.
Equilibrio
A análise conxunta destes indicadores permite avanzar que “Lugo afronta o futuro cunha posición de equilibrio: cun mercado laboral estable, unha economía diversificada e unha mellora progresiva dos niveis de renda. O principal desafío segue a ser demográfico, mais tamén representa unha oportunidade para atraer novos proxectos e poboación activa”. “A cooperación institucional, a innovación empresarial e o aproveitamento do talento local serán as claves para seguir construíndo unha provincia dinámica, sostible e competitiva, orgullosa da súa identidade e aberta ao mundo” -conclúe-.
Impreso e dixital
A publicación conta con exemplares impresos, dispoñibles na sede central da CEL, ou pode descargarse nesta ligazón. Para a confección deste estudio, a CEL examina as fontes oficiais máis recentes, como o INE, o IGE, o SEPE, o Banco de España e o Ministerio de Traballo e Economía Social. O informe 2025, que se pecha entre os meses de outubro e novembro antes da súa remisión a maquetación, analiza datos do exercicio anterior (2024) na súa maioría, aínda que nalgúns casos se recollen datos de anos previos (dependendo do indicador, obsérvanse aínda datos de 2023 ou, mesmo, 2022, segundo o peche das fontes consultadas e sempre datos que se consideran pechados, non aproximacións ou previsións).