Escrito o:
Preto dunha vintena de empresas se achegan ás oportunidades de internacionalización en República Dominicana
Preto dunha vintena de empresas déronse cita onte na xornada en liña "O mercado da República Dominicana" organizada pola CEL co apoio da Deputación de Lugo no marco das actividades que a organización empresarial pon en marcha para fomentar a internacionalización das empresas da provincia de Lugo.
Na xornada interviñeron Zanony Severino, director de Investimento de ProDominicana, centro para a promoción das exportacións e investimentos no país dominicano, responsable de promover os seus produtos, servizos e oportunidades de negocio polo mundo e a principal axencia da rexión no fomento e a promoción das exportacións e investimentos, sendo recoñecidos como un aliado estratéxico para a xeración de negocios sostibles e innovadores, e José Manuel Santos Vólquez, CEO de Healthy Corner Group, empresa líder no mercado nacional dominicano de specialty food, cun portafolio de máis de 20 marcas estadounidenses e presenza en máis de 500 puntos de venda. José Manuel Santos é ademais un profesional con máis de 25 anos de experiencia nos sectores financeiro, comercial, internacional e de distribución especializada e posúe unha sólida formación académica e unha traxectoria marcada polo emprendemento, a innovación e o desenvolvemento de novos modelos de negocio na República Dominicana.
Á marxe da potencialidade do sector turístico do país, o primeiro en recuperar niveis de afluencia turística tras a pandemia e en constante crecemento desde entón, Zanony Severino destacou na súa intervención a estabilidade política, social, xurídica e macroeconómica do país, con grandes oportunidades de negocio a explorar en sectores considerados estratéxicos como agropecuario, enerxías renovables, inmobiliario, tecnoloxía, minería ou mesmo industria cinematográfica, e explicou o funcionamento do Portelo Único de Investimento de ProDominicana, unha platafroma que facilita un punto centralizado de servizos para canalizar a obtención dos permisos, licenzas e certificacións requiridas polas distintas institucións gobernamentais para materializar un proxecto de investimento nos sectores produtivos de bens e servizos en República Dominicana.
Pola súa banda José Manuel Santos destacou a posición estratéxica do país e as facilidades de entrada para os produtos españois, moi apreciados, en especial os de gama gourmet, líderes entre o consumidor dominicano.