Voltar atrás

Escrito o:

A CEL pide unha aposta decidida polo Museo da Romanización

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) pide a Xunta de Galicia e Concello de Lugo unha colaboración leal e construtiva para que o Museo da Romanización na cidade sexa unha realidade canto antes. 

A entidade, que forma parte da Plataforma MVRO desde a súa constitución, considera que “a paralización deste proxecto desde hai tantos anos é un freo ao desenvolvemento socioeconómico de Lugo” e subliña que “a falta dun Museo da Romanización nunha cidade cun pasado romano como Lugo está a privar á cidadanía dun recurso imprescindible para a preservación do seu pasado e identidade, así como dun instrumento que reforzaría o seu atractivo turístico e cultural”.

A organización empresarial tamén entende que, dados os inxentes restos arqueolóxicos que poderían nutrir este museo (máis de 15.000 pezas catalogadas e outros recursos por inventariar), a súa posta en marcha permitiría non soamente a súa conservación e exposición, senón tamén promover a investigación, a recuperación de novos restos e mesmo a aparición de novos achados, “enriquecendo o xa de seu inmenso valor patrimonial da cidade”. 

A CEL tamén indica que Lugo se está a consolidar como destino turístico desde fai anos, co crecemento constante do número de visitantes e das taxas de ocupación na última década, pero que “continúa resultando imprescindible mellorar en datos como estancia media na cidade, pois na actualidade Lugo aínda se percibe destino soamente de paso”. 

Neste contexto, o Museo da Romanización constituiríase, sen dúbida, “nun atractivo de primeira orde para alongar a estancia do turista na cidade” e confía en que “do mesmo xeito que coa unión de todos se acadou a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade fai 25 anos, a unión hoxe permitiranos facer realidade o Museo da Romanización e facer de Lugo un destino turístico e cultural de primeira orde e preferente entre os destinos con vestixios romanos en España”.