Escrito o:
CEL e Igape reúnen a máis de oitenta persoas no Foro CONECTA LUGO sobre industrialización sostible
Lugo acolleu hoxe o Foro Económico "Industrialización sostible", un encontro organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económcia (Igape) no marco da iniciativa CONECTA LUGO, e que contou coa participación dun amplo panel de expertos e máis de oitenta asistentes.
O Foro tivo lugar ao longo de toda a mañá nas instalacións do Hotel Méndez Núñez de Lugo, coa participación, con ponencia maxistral, de Deborah García Bello (Deborah Ciencia), e co obxectivo de reunir ideas e fórmulas útiles para afrontar o difícil reto da transición ecolóxica e sustentable mediante a industrialización dos sectores máis potentes e con proxección na economía provincial, como o sector agroalimentario.
Inaugurárono Jaime López, secretario xeral da CEL, e Fany Suárez Mansilla, subdirectora de Inversións e Startups do IGAPE, que coincidiron en sinalar a importancia de iniciativas de información e asesoramento como CONECTA LUGO que facilitan achegar os servizos e apoios da Administración pública ás pequenas empresas e a todos os puntos do territorio.
Jaime López destacou na súa intervención os resultados do programa Conecta Lugo en 2025, que a falta de peche xa contactou con máis de 500 empresas en todos os puntos da provincia e xerou máis dun centenar de informes individualizados de asesoramento, “facilitando deste xeito que as empresas de Lugo accedan a axudas á innovación ou mellora da competividade e programas do Igape que antes ignoraban por descoñecemento”.
Por outra banda, e atendendo á liña de debate do encontro, a industrialización sostible, o secretario da CEL suliñou que “os empresarios estamos cansados do non polo non” e queren que Lugo “sexa máis que unha provincia de paso e paseo”, evitando a “derrota dos empresarios fronte á desinformación que lles impide avanzar nas súas propostas industriais” e “ligando ciencia con realidade industrial” para poñer en marcha proxectos que fan falta “como Altri ou LuGaz”. Entende que, de non ser así, “teremos que expatriar ao nosos fillos porque non teñen futuro aquí”.
Mesas redondas
Por outra banda, o Foro contemplou dúas mesas redondas. A primeira delas, sobre “Ciencia a favor do territorio”, foi unha mesa con representación 100% femenina que, nun día como o do 25-N, trataba de “poñer en valor o papel da muller na sociedade”. Contou coas aportacións de Inés Santé Riveira, profesora universitaria e membro do Grupo de Investigación Laboratorio do Territorio e do Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC; Cintia Folgueira Cobos, investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS); Mª Ángeles Romero Rodríguez, catedrática da Área de Tecnoloxía dos Alimentos do Campus Terra da USC ou Isabel Neira, coordinadora de Transferencia do Centro de Investigación Interuniversitario en Economía e Empresa para a Sociedade (ECOBAS).
Todas as participantes nesta mesa, cada unha no seu campo, trataron de explicar cómo as investigacións científicas poden axudar a construir territorio achegando información sobre os proxectos que desenvolven. Coincidiron no gran potencial que ten o sector agroalimentario de Lugo, pois o producto local é de alta calidade e saudable, e tamén nas dificultades existentes para trasladar os resultados das investigación científica ás empresas, especialmente ás pequenas, máis centradas no seu día a día, por falta de recursos, en producir, ca na innovación o una ciencia. É por esto que consideran necesaria “moita máis e mellor divulgación científica” e achegar máis eficazmente os recursos que teñen Universidades e centros de investigación ao tecido empresarial.
A segunda mesa, “Lugo fronte ao reto industrial”, incluiu as intervencións de Manuel Ángel Pose Palleiro, presidente executivo de Grupo ALUMAN; Marcos Engroba Pulido, CMO de AMSlab; Carlota López Pardo, directora xeral de Grupo ARESA e Isaac Rosón, director da Área de Innovación Empresarial do IGAPE. Nesta mesa de corte empresarial todos os participantes coincidiron en suliñar a necesidade de perder o medo a medrar (o crecemento non é unha opción, é unha obriga, en palabras de Ángel Pose); atraer e reter talento (con proxectos con proxección de futuro -posibilidade de desenvolvemento dunha carreira profesional-, servizos e programas formativos ad hoc) e un maior desenvolvemento de proxectos colaborativos entre empresas que de xeito individual xa están facendo grandes cousas (en palabras de Isaac Rosón, “Lugo ten moito potencial e no no sabe”).
O Foro pechouse coa intervención maxistral de Deborah García Bello (Debora Ciencia), que avogou por combatir a falta de cultura científica “con información verdadeira, clara e proporcional” e aconsellou ás empresas a “ser proactivas e adiantarse en información sempre”, así como cun turno de preguntas e debate, e unha intervención de peche de Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, que falou de proporcionar “fiabilidade e certezas ás empresas” para que poidan desenvolver os seus proxectos.
Conecta Lugo
Con este Foro prácticamente se pechan as actividades de 2025 de CONECTA LUGO, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e a Confederación de Empresarios de Lugo, destinada a fortalecer a competitividade das empresas lucenses vía servizos de información e asesoramento personalizado.