Voltar atrás

Escrito o:

Uruguai, país con oportunidades para as empresas lucenses

Unha delegación empresarial lucense, á que acompaña o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantén esta semana unha intensa axenda de traballo en Uruguai, no marco dunha misión empresarial directa a este país e a Arxentina organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) co apoio e financiamento do ente provincial. 

Polo momento, a delegación vén de manter un encontro en Montevideo co subsecretario o Ministerio de Gandaría, Agricultura e Pesca de Uruguai, Matías Carambula, e os diferentes directores xerais do Ministerio. Ademais do presidente da Deputación, participaron na reunión o conselleiro delegado e o secretario xeral da CEL, Eduardo Valín e Jaime López, ademais de contar co respaldo institucional do embaixador de España no Uruguai, Javier Salido Ortiz, que participou apoiando á comitiva lucense e valorando positivamente a cooperación económica e territorial entre ambos os países.

Durante o encontro, os responsables do Ministerio expuxeron as principais liñas de exportación e produción do Uruguai no sector agropecuario, centradas na carne de bovino e ovino, o arroz e a forestación, e detallaron que o Goberno uruguaio está a impulsar tamén a actividade pesqueira como novo eixo de desenvolvemento económico. Pola súa banda, a delegación lucense resaltou o potencial produtivo e económico da provincia de Lugo, destacando o presidente da Deputación que é a primeira produtora de leite de España e conta cun sector primario moderno, diversificado e competitivo, sustentado nunha forte base tecnolóxica e nunha crecente aposta pola sustentabilidade.

O encontro serviu para afondar nas oportunidades bidireccionais de colaboración entre Lugo e Uruguai, coincidindo ambas as delegacións na existencia dunha realidade social e cultural compartida entre Galicia e o país suramericano, froito dunha longa historia de lazos migratorios e afectivos. Nesa liña, abordáronse posibles intercambios técnicos e comerciais en materia agroalimentaria, forestal e pesqueira, así como a posibilidade de cooperar en proxectos de innovación e formación profesional vencellados ao sector primario.

O presidente Tomé Roca destacou que "Lugo e Uruguai son dous territorios que comparten o valor da terra e do traballo, e esa afinidade é unha base sólida para abrir novas vías de colaboración institucional e económica". Engadiu que "a internacionalización das nosas empresas e a cooperación público-privada son claves para fortalecer o desenvolvemento sustentable e a proxección exterior da provincia".

A delegación lucense completou a xornada cun encontro con empresarios e representantes de cámaras sectoriais uruguaias e con AEGU (Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai), no que se exploraron liñas de cooperación en innovación agroalimentaria, transformación de produtos e desenvolvemento pesqueiro, así como posibles acordos de intercambio comercial e técnico. Tamén participaron o Embaixador de España en Uruguai, así como outras autoridades do país. 

A misión da Deputación de Lugo e da CEL continuará nos próximos días con novas reunións en Montevideo, na que participan empresas como Innogando, Medrar Innovation Office, Suministros Megaro Foods SL, Embutidos Montepicato ou Congelados Sariego, entre outras.