Voltar atrás

Escrito o:

Lugo participa como xurado no CMDC 2025 en Arxentina

Empresarios de Lugo participaron onte en Buenos Aires (Arxentina) no Campionato Mundial de Carnes (CMDC) 2025, un evento de carácter internacional organizado co obxectivo de difundir, recoñecer e premiar a calidade da carne a nivel global, promovendo a excelencia na súa produción e situando aos mellores cortes do mundo como vehículo de creación de valor no sector cárnico. 

Lugo e Ávila son os únicos territorios españois con representación no Campionato. O conselleiro delegado da CEL e CEO de Embutidos Montepicato, Eduardo Valín, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Jaime López, son os representantes lucenses neste foro, que ten como obxectivo primordial que a carne adquira condición de produto de maior valor engadido, á vez que conecta a toda a cadea de valor (produtores, industria, gastronomía e consumidores) e promove a mellora continua coa calidade como bandeira.  

A participación de Lugo neste evento é unha das actividades iniciais da apertada axenda da Misión Empresarial a Arxentina e Uruguai organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo co financiamento da Deputación de Lugo, que terá lugar coa participación de diferentes empresas de Lugo nas próximas semanas, e que busca mellorar o posicionamento da provincia nestes dous mercados latinoamericanos.

A participación da representación lucense no Campionato Mundial de Carnes xorde das actividades preparatorias da Misión pilotadas pola CEL nos últimos meses, como a xornada - país sobre o mercado da República de Arxentina organizada pola CEL, tamén co financiamento da Deputación de Lugo, no pasado mes de setembro. 

Desde a CEL considérase que este tipo de eventos promoven o establecemento de lazos máis estreitos e duradeiros entre as empresas relacionadas cun sector cárnico arxentino xa recoñecido e punteiro a nivel internacional, e as empresas lucenses do sector cárnico, cun produto de calidade excelente que require dun maior recoñecemento do seu valor a nivel exterior, así como con axentes de interese que operan xa a nivel internacional.

CMDC 2025

O Campionato Mundial de Carnes 2025 é un evento promovido por entidades como Americarne, unha das principais plataformas e publicación dixital do sector agroalimentario de América Latina, ou Messe Frankfurt, unha das maiores organizadoras de feiras, congresos e eventos a nivel mundial, que conta cun gran recinto feiral propio en Frankfurt (Alemaña) e delegación especial en Arxentina, entre outros.