Voltar atrás

Escrito o:

Os empresarios de Lugo infórmanse sobre a convocatoria NEXOS na CEL

A sede central da CEL acolleu a pasada semana o primeiro obradoiro informativo da Xunta de Galicia sobre o novo programa de axudas Nexos, dotado con 28M€, o que supón a maior contía destinada polo Goberno galego unhas axudas para impulsar a I+D+i colaborativa entre empresas e co apoio de centros de coñecemento en ámbitos estratéxicos para a Comunidade.

Máis dunha vintena de empresarios lucenses asistiu a esta primeira cita informativa en Lugo, na que estivo presente a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, que inaugurou a xornada acompañada do secretario xeral da CEL, Jaime López. 

Durante a cita facilitouse aos participantes apoio para solicitar estas axudas, cuxo prazo aberto permanecerá aberto até o 22 de setembro. Poderán beneficiarse delas as agrupacións de entre tres e seis empresas, principalmente pemes, que realicen proxectos de I+D+i de forma colaborativa con centros de investigación e innovación.

O obxectivo de Nexos, unha liña de apoio cofinanciada con fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 21-27 e que abarca catro anualidades, até 2028, é fomentar a cooperación a través de proxectos de I+D+i entre pemes e demais axentes do campo da investigación e innovación. Como afirmou Carmen Cotelo, a convocatoria "prevé chegar os 50 proxectos e 200 beneficiarios e, así, mobilizar 47M€".

Ámbitos estratéxicos

Entre as novidades desta convocatoria destaca a "priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas", remarcou a directora da Axencia Galega de Innovación, asegurando que o  Goberno autonómico "quere impulsar a competitividade do tecido produtivo galego a través da I+D+i en beneficio da sociedade".

A tipoloxía de proxectos subvencionables abarca desde investigación industrial, a desenvolvemento experimental ou innovación organizativa ou en material de procesos. Priorizaranse aqueles que se inclúan nalgún dos seguintes ámbitos estratéxicos para Galicia: agroalimentación, benestar e saúde, economía circular e enerxía ou fabricación avanzada.  

Máis info sobre NEXOS