Escrito o:
As empresas de Lugo interésanse polas posibilidades de entrada e investimento no mercado de Uruguai
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Deputación de Lugo congregaron o venres 27 de xuño en Ribadeo a diferentes empresas da provincia interesadas en avanzar na súa internacionalización, nunha xornada informativa, celebrada no Real Club Náutico de Ribadeo, que tiña por obxectivo achegarlles as oportunidades de negocio que ofrece a República Oriental de Uruguai.
A xornada enmárcase dentro das actividades que ambas as entidades organizan en virtude dun convenio de colaboración bianual de apoio estratéxico ao tecido empresarial de Lugo. Foi inaugurada polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomei Roca, xunto co secretario xeral da CEL, Jaime López. Contou coas achegas do cónsul de Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero, e do director xeral de Antea Group en España e Latinoamérica, Fernando Illanes Álvarez.
Durante a súa intervención, Tomei destacou que "a Deputación súmase a esta iniciativa coa convicción de que apoiar a proxección exterior de pemes e autónomos é fundamental para fortalecer a nosa economía". Engadiu que "nun mundo globalizado, mirar cara a novos mercados non é unha opción, senón unha necesidade".
O presidente provincial subliñou tamén o papel estratéxico de Uruguai como destino investidor. "É un país con estabilidade política, seguridade xurídica e unha democracia consolidada. Mantén con España unha relación fluída e sólida, grazas a acordos bilaterais que facilitan o comercio e protexen os investimentos", apuntou.
Tamén sinalou que sectores como as enerxías renovables, o turismo, a banca, os servizos dixitais ou as infraestruturas ofrecen grandes posibilidades para as empresas da provincia. "Lugo ten talento, innovación e capacidade para competir con garantías máis aló das nosas fronteiras", asegurou.
A xornada informativa é un encontro previo de face a unha misión empresarial que CEL e Diputacion de Lugo está a organizar para despois do verán, e que levará a representantes do empresariado lucense a Uruguai e Arxentina. Esta viaxe tamén contará co respaldo institucional da Deputación, que busca abrir novas oportunidades comerciais e reforzar a presenza de Lugo no ámbito internacional.
Facilidade de entrada
Pola súa banda, o cónsul Ramiro Bausero sinalou que o seu país é un lugar excepcional para "investir, exportar, traballar e vivir", que conta cunha "combinación única de atributos": un país "confiable con estabilidade política e social" e, por tanto, "facilidade para facer negocios", que ofrece ademais "talento e calidade de vida".
Na mesma liña, o director xeral de Antea Group destacou que Uruguai ofrece excelentes oportunidades de inernacionaliación, non soalmente pola proximidade socioculutral (non soamente idiomática), se non tamén polas facilidades que ofrece a nivel lexislativo, de acceso a licitacións públicas, pola súa pertenza a Mercosur, entroutras.