Voltar atrás

Escrito o:

Os empresarios de Lugo, preocupados pola ciberseguridade nas súas organizacións

A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe a xornada informativa "Ciberseguridade: o reto de protexer á túa empresa", na que participou máis dunha trintena de empresarios preocupados polo incremento da ciberdelincuencia na provincia e concienciados da necesidade de adoptar medidas preventivas.

A xornada, organizada co apoio da Deputación de Lugo e co impulso de empresas lucenses como Cafés Candelas, Grupo Lence ou D’Manam Corporación, contou na súa inauguración coas intervencións de Luis Miguel Romera, comisario xefe da Policía Nacional en Lugo; Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo; Pablo Rivera, deputado provincial responsable da área de Promoción Económica e Social e Jaime López, secretario xeral da CEL. Todos eles coincidiron en sinalar a importancia da información e a divulgación da nova realidade deste tipo de delitos como primeiro paso para avanzar en seguridade dixital. 

E é que, segundo o informe anual do INCIBE, en 2024 rexistráronse 97.000 incidentes e delitos de ciberseguridade en España, dos cales 31.540 afectaron a empresas de todos os tamaños. Esta cifra representa o 32,4 % do total e supón un incremento do 16,6 % respecto ao ano anterior.

Ciberdelincuencia en Lugo

O amplo programa de intervencións da xornada iniciouse co relatorio “Ciberdelincuencia detectada no ámbito lucense”, impartida polo inspector Héctor Pérez Arias, xefe do Grupo de Delincuencia Económica e Tecnolóxica da Comisaría Provincial de Lugo. Héctor Pérez resaltou a necesidade de ser conscientes da problemática do incremento continuado dos delitos no mundo virtual, complexa ademais por canto a tecnoloxía está en constante evolución e se require dunha actualización constante. Debe  subliñarse que a Comisaría de Lugo recibe entre 8 e 10 denuncias ao día por ciberdelitos, e que das denuncias totais, entre un 60% e un 70% están vencelladas ao mundo cibernético. Igualmente, o inspector lucense animou ás empresas presentes a achegarse á Comisaría de Lugo, onde serán atendidos de forma personalizada e directa para resolver calquera dúbida ou consulta sobre esta materia ou facer fronte a unha incidencia, de forma personalizada e directa.

Mesas redondas

O encontro incluíu tamén as intervencións de Pilar Vila CEO e fundadora de Forensics & Security e Martín González, Chief Communications Officer de Cloud.gal, que informaron sobre “Actuacións de evitación e reparación” ante delitos dixitais, desde o punto de vista de empresas especializadas en ciberseguridad, que cobran especial relevancia se ten en conta que “o 60% das empresas ‘ciberatacadas’ morren en menos de seis meses”, segundo datos facilitados por Martín González.

A xornada pechouse coa mesa redonda “A que riscos se enfrontan e como xestionan a ciberseguridade as empresas lucenses”, moderada por Iago González da empresa de servizos tecnolóxicos InCentea, e na que participaron o inspector xefe da Comisaría de Lugo, Jose Aneiros; o director finacieiro de Cafés Candelas, Alejandro Álvarez; a directora de TI de Grupo Lence, María José Fandiño e Pablo López de D’Manan Corporación.

José Aneiros subliñou na súa intervención que “é sete veces máis probable ser vítima dun ciberdelito de que nos rouben en casa”, polo que a adopción de medidas de prevención e seguridade nas pemes para protexerse fronte a ataques na rede resulta crucial, moito máis se ten en conta que a “blindaxe 100% fronte á ciberdelicuencia non existe”, segundo Iago González.