Voltar atrás

Escrito o:

A formación en primeiros auxilios, chave na xestión preventiva das empresas

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organizou recentemente, no Hotel Forum CEAO, a xornada informativa "Primeiros auxilios no ámbito laboral" co obxectivo de dotar a traballadores e empresarios de habilidades para actuacións de primeiros auxilios nas súas contornas laborais, ben a nivel inicial ou ben para actualizar coñecementos básicos que adquirisen no pasado nesta materia. 

A xornada, dirixida a persoas traballadoras e empresas, especialmente as pemes, profundou na teoría e práctica necesaria para o desenvolvemento de actuacións básicas en primeiros auxilios, para recoñecer as situacións de risco ou emerxencia e adoptar as medidas máis adecuadas en cada caso, para actuación de primeiros auxilios nun accidente laboral, protocolos de actuación de soporte vital básico, RCP, entre outros. Contouse coas achegas dun médico especializado en atención sanitaria en situacións de emerxencia.

Na apertura da xornada o directivo da CEL Jorge Somoza subliñou a importancia deste tipo de formacións, que considera vitais ao longo da vida, xa desde a infancia, e imprescindibles en contornas laborais.

Desde a CEL recálcase que, en situacións de risco, a rapidez e a efectividade da resposta, proporcionando primeiros auxilios nos momentos iniciais á persoa ou persoas accidentadas, poden marcar a diferenza entre unha recuperación rápida e un dano permanente, e mesmo entre a vida e a morte. Os primeiros auxilios requiren ademais dunha aprendizaxe e actualización permanente.  É importante, incide a Confederación, que todo o persoal dunha empresa reciba coñecementos teóricos e prácticos en materia de primeiros auxilios non só de forma puntual, senón tamén e sobre todo, de forma periódica, asegurándonos a capacidade de reacción ante imprevistos.

Esta actividade divulgativo - formativa ponse en marcha baixo o amparo das axudas para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais en Galicia, financiadas pola Xunta de Galicia.

A CEL prevé novas accións similares para despois do verán (a inscrición abrirase a través da súa páxina web www.cel.es en próximas datas).