Escrito o:
Os empresarios de Lugo interésanse por Galicia Green Data Center
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organizou recentemente un encontro empresarial co obxectivo de achegar ás empresas lucenses información sobre Galicia Green Data Center, un novo centro de datos proxectado en Galicia, na localidade de Curtis, que ten previsto estar operativo na primaveira de 2027.
O encontro empresarial, que tivo lugar no Edificio de ABANCA en Lugo, contou coa asistencia de empresas lucenses representativas dos sectores máis relevantes da provincia, e coas intervencións de Pablo Román, responsable do proxecto, e Óscar Martín, CFO de Ingenostrum Group, empresa promotora do centro de datos, que destacou que “Galicia Green Data Center terá un papel estratéxico para a economía dixital en Galicia” e contribuirá á “soberanía dixital da comunidade”.
Desde Ingenostrum tamén se subliñou que o proxecto de Curtis será “un centro de datos de última xeración que cumpre cos máis altos estándares de sustentabilidade” e incidiuse en que se trata dun proxecto que “contribuirá á transición enerxética e á transformación dixital da economía galega, esencial para garantir a futura competitividade da mesma, a súa sustentabilidade e crecemento”.
“A aposta pola construción destas novas infraestruturas ten necesariamente un impacto económico positivo no territorio, xa que a nova economía dixital é xeradora de emprego e exerce un efecto tractor no tecido empresarial”, engadiu.
En consonancia co manifestado polos promotores de Galicia Green Data Center, Jaime López, secretario xeral da CEL, remarcou a relevancia estratéxica deste proxecto “que sitúa a Galicia á vangarda na oferta de servizos dixitais e tecnolóxicos de última xeración para as empresas galegas”.
Proxecto Industrial Estratéxico
O proxecto Galicia Green Data Center conta co respaldo da sociedade Impulsa e declaración como proxecto de industrial estratéxico (PIE) para Galicia. Este centro de datos de Galicia pretende ser unha infraestrutura tecnolóxica pioneira en comunidade galega que poderá dar servizo á demanda de aloxamento de datos de todas as empresas que o desexen.
Galicia Green Data Center terá 15 MW IT e será construído en tres fases de 5MWIT cada unha. As obras comezarán no segundo semestre de 2025. Esta infraestrutura dotarase con 30.000 servidores e contará cun investimento de 150 millóns de euros.