Voltar atrás

Escrito o:

Novas axudas á innovación en Galicia, presentadas aos empresarios de Lugo

As instalacións da Fundación CEL - Iniciativas por Lugo acolleron hoxe un taller informativo sobre as axudas do Programa Principia, dirixido a empresarios e emprendedores e organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo e a propia Fundación CEL. 

As axudas do Programa Principia, habilitadas pola Xunta de Galicia a través de GAIN, están pensadas para fomentar a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de I+D+i  nas empresas e organismos de investigación de Galicia. 

A presente convocatoria, publicada o pasado día 15 de xuño no DOG, conta cun orzamento de 3 millóns de euros que se destinarán á contratación duns 300 profesionais neste 2016, e está dirixida a empresas e organismos públicos e privados de investigación que contraten, durante 12 meses polo menos, a titulados universitarios (licenciados, enxeñeiros, arquitectos, graduados, diplomados, enxeñeiros técnicos, arquitectos técnicos) menores de 35 anos, para que desenvolvan actividades de innovación.

O Programa Principia enmárcase dentro das políticas de innovación da Xunta, concretamente dentro da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (Ris3 Galicia), e máis concretamente, dentro do programa de desenvolvemento da devandita estratexia denominado Peme Innova, dirixido a incentivar a capacidade innovadora das pemes proporcionándolles, entre outros recursos, o da contratación de doutores, tecnólogos, e profesionais para mellorar a capacidade de desenvolvemento de actividades de I+D+i con clara orientación ao mercado.  

As empresas interesadas nestas axudas asociadas á CEL e os emprendedores da Fundación CEL poden informarse dos detalles desta convocatoria a través dos seus servizos técnicos. Ao final desta entrada tamén se pode descargar e pdf a presentación co detalle e resumo do programa.