Voltar atrás

Escrito o:

A Asociación Provincial de Estacións de Servizo de Lugo reitera a importancia de contar con persoal nas gasolineiras e que éste sexa cualificado

A Asociación Provincial de Estacións de Servizo de Lugo, en consonancia co manifestado estes días pola Confederación Española de Estacións de Servizo (CEEES), reitera a necesidade de contar con estacións de servizo atendidas e seguras, que conten con persoal suficientemente cualificado e capacitado para a subministración de combustibles.

As asociacións de estacións de servizo viron con preocupación a explosión rexistrada nunha estación de servizo en Castelló, que tivo como resultado un ferido grave que sufriu a amputación dunha perna tras o suceso.

Dende o colectivo lembran que tanto o gas como a gasolina ou o gasóleo son sustancias perigosas e que, como tales, a súa utilización non pode depender de persoas con nula formación no seu manipulado.

Desde a asociación lucense, do mesmo xeito que desde a CEEES, deséxase a pronta e completa recuperación da persoa ferida e insístese en que as estacións de servizo desatendidas atentan non só contra o emprego, senón tamén contra a propia seguridade dos usuarios.

En consecuencia, o colectivo pide unha maior responsabilidade por parte das Administracións competentes de face a regular un sector cunhas especificidades e perigo que non se pode obviar por máis tempo.