Voltar atrás

Escrito o:

Novo acordo para o desenvolvemento de accións de investigación e innovación a través do CITT

O reitor da USC, Juan Viaño, o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos; o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez, e Eduardo Valín, conselleiro delegado da CEL, ratificaron hoxe o acordo de colaboración que este catro entidades manteñen desde hai máis de dúas décadas para para apoiar o labor do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus Terra de Lugo.

Os fondos xestionados a través de contratos e convenios asinados con empresas e institucións públicas polo Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus Terra da USC no trienio comprendido entre 2015 e 2017 achéganse aos 18 millóns de euros, unha cifra sensiblemente superior aos pouco máis de 14 millóns de euros rexistrados no trienio anterior, segundo puxo de manifesto Juan Viaño na renovación da firma do convenio que manteñen vixente desde 1995.

O convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus Terra remonta as súas orixes a 1995, segundo indicou o reitor da USC, quen despois de destacar que esta oficina contribúe a situar a USC á vangarda da transferencia de coñecemento e tecnoloxía á contorna social, fixo público o seu agradecemento tanto ao persoal técnico que desenvolve o seu labor no CITT como ás entidades que apoian un convenio que conta cunha dotación orzamentaria de preto de 60.000 euros, dos que Caixa Rural Galega achega 50.000 euros e a Deputación Provincial de Lugo, 9.500, mentres que a Confederación de Empresarios de Lugo sucribe o acordo como entidade colaboradora.

Viaño destacou o importante labor que está chamado a desenvolver o CITT no contexto do Campus Terra e nomeadamente na súa conexión coa contorna socioeconómica. O reitor da USC argumentou neste sentido que un indicador que constata o bo funcionamento desta oficina universitaria radicada en Lugo son os máis de cinco millóns de euros xestionados en 2017 para actividades de I+D+i.

Pola súa banda o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez, destacou que este convenio "está a dar moi bos resultados en canto á transferencia de tecnoloxía e coñecemento de face as empresas", e o conselleiro delegado da CEL, Eduardo Valín, subliñou a importancia deste tipo de acordos e de "manter unha relación estreita e fluída entre o tecido empresarial e as institucións académicas", o que "redunda sempre en beneficio da mellora empresarial e social dunha comunidade".